Domingo, Outubro 25

Talleres de empoderamento feminino para as mulleres do rural de Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Igualdade, vén de anunciar a súa participación no proxecto EspadELA, unha escola de empoderamento feminino destinado a mulleres do rural.

A través de catro liñas formativas que combinan formación presencial e a distancia, o proxecto busca crear espazos de traballo no plano persoal que melloren as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas poidan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino.

Levaranse a cabo catro talleres:

  • Con voz propia (4 horas). Destinado a traballar a autoestima, a participación, o liderado e a prevención de violencias machistas.
  • Enredadas (8 horas). O seu obxectivo é traballar arredor das tecnoloxías e redes sociais, a través do manexo práctico de dispositivos que facilitan a comunicación e o traballo en rede.
  • Habitando o noso corpo (4 horas). Obradoiro para traballar o autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional.
  • Saberes en común (4 hroas). Orientado a recuperar e poñer en común saberes, coñecementos e experiencias sobre os diversos traballos desenvoltos ao longo da vida.

Os talleres desenvolveranse os martes de 16 a 18 horas, desde o 29 de setembro até o 1 de decembro. Para participar, é preciso inscribirse antes do 25 de setembro a través do correo igualdade@cabanas.gal ou no teléfono 649 075 263.

A actividade está organizada pola Concellaría de Igualdade, en colaboración coa Cooperativa Arabías e o Sindicato Labrego Galego, e conta co financiamento da Deputación da Coruña.

Share.