Sábado, Novembro 28

Roteiro Terras Altas de Cabanas

Ficha técnica

  • Traxecto: Circular
  • Lonxitude: 21 km
  • Tempo estimado: 5 horas.
  • Dificultade: media/alta.
  • Desnivel: Positivo 474 m
  • Elevación máxima: 502 m

Powered by Wikiloc

Descrición da ruta:

O tratazo deste roteiro que permite visitar tres parroquias de Cabanas (Regoela, Soaserra e Salto) foi proposto polo Club Montaña de Ferrol.

O roteiro combina paisaxe con historia, e no seu percorrido permite achegarse a castros, mámoas, muíños, fontes, pedrafitas e igrexas, así como gozar das vistas que se poden ollar desde diversos puntos do camiño. Ademais, tamén permite achegarse a algúns dos lugares empregados polos fuxidos durante a Guerra Civil e posterior ditadura franquista.

Castro de Pico Castro

É un castro de cumio fortificado, con forma ovalada. O seu tamaño é duns 90 metros no eixo norte – sur e duns 60 metros no eixo este – oeste, con dobres defensas completas duns 5 metros de alto. Desde el tense unha boa vista das rías de Ares, Betanzos, Coruña e Ferrol.

Castro de Piñeiros

É un castro de cumio fortificado, cun recindo oval de 110 x 100 metros. O regueiro de Cerdeiras reforza, de forma natural, as defensas do lado máis occidental. No sector oriental a estrutura defensiva está formada por unha muralla de terra que rodea a totalidade do conxunto.

Mámoa do Alto da Serra

Está formada por dous enterramentos. Un túmulo ten unhas medidas de 20 x 23 metros e dous de altura, o outro ten 13 x 15 metros e 1,6 de altura.

Muíños e fontes

Ao longo do percorrido da ruta o camiño pasa polos muíños de Paz e Regoela e polas fontes e ríos de Regoela e Soaserra.

Pedrafitas: marco do Salto

O marco de Salto é unha pedra de forma redonda que divide tres parroquias (Salto, Laraxe e Irís), e da que se conta que cura “o meigallo”. Para que os poderes do marco fagan efecto, teñen que levarse a cabo unha serie de condicións, a saber: ir e volver do marco antes da medianoite, un perocrrido que debe facerse en silencio; ademais, debe levarse un obxecto ou prenda da persoa que quere obter o beneficio do marco. Unha vez chegado ao marco, ten lugar unha serie de accións, consistentes en dar nove voltas dicindo “meigos e meigas, envexosos e envexosas, encantadores e encantadoras, tanto gozades de min como eu gozo desta moeda que eu vou tirar”.

Arquitectura relixiosa

Ao longo do percorrido tamén podemos achegarnos a diferentes emprazamentos relixiosos, como a antiga Capela Evanxélica de Soaserra. As orixes do protestantismo en Soaserra coinciden cunha situación de conflito entre tres fregueses, que se negan a pagar a oblata ao párroco.

Ademais, o camiño tamén pasa polas igrexas de Santa Olaia de Soaserra, Santa Cruz do Salto e San Vicente de Regoela.

Fotos: cortesía de David Varela Bouza.