Martes, Decembro 1

Roteiro da costa

Ficha técnica

  • Traxecto: Liñal
  • Lonxitude: 1,8 km
  • Tempo estimado: 30 minutos
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: Positivo 38 m
  • Elevación máxima: 68 m

Wikiloc | Sendeiro da Costa: Praia da Madalena – Praia de Río Castro

Powered by Wikiloc

Descrición da ruta:

A ruta parte do final da Praia da Madalena, onde atoparemos unhas escaleiras de madeira que nos permitirán ascender desde a area e adentrarnos no bosque. A partir desde momento, realízase un percorrido a pé de mar, que nos permite disfrutar das vistas do areal entre as árbores.

Pouco antes de chegar a Chamoso atoparémonos un punto no que podemos tomar un pequeno atallo ou continuar na liña de costa, baixando aos penedos de Punta da Illa. Pouco máis adiante, descendendo uns poucos chanzos, chegaremos ao acceso ao areal de Chamoso, desde onde poderemos gozar dun dos mellores solpores de toda a comarca.

Para seguir co percorrido, debemos tomar o camiño que sae de Chamoso cara a pista asfaltada, e ao chegar a ela tomar á esquerda. Uns 100 metros máis adiante atoparemos un camiño á esquerda que nos introducirá de novo no bosque, volvendo disfrutar das vistas dos cantís entre castiñeiros e carballos. Chegando case ao final dese camiño polo medio do bosque teremos de novo a opción de tomar unha bifurcación que nos leva ás rochas de Cabanelas, ou tomar un atallo. Ambos camiños converxerán para saír de novo á pista asfaltada, onde debemos tomar á esquerda.

Logo de camiñar uns 200 metros por esta pista asfaltada, teremos unha desviación á esquerda que nos achegará até a praia de Río Castro, onde se atopan as ruínas do Muíño de Maré.