Recordatorio sobre o depósitos de residuos

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Nas últimas semanas o Concello de Cabanas, a través da Área de Servizos, vén detectando malas prácticas no depósito de residuos, tanto pola presenza de elementos impropios como polo non cumprimento dos lugares e días establecidos para a recollida, así como tamén pola aparición de verquidos.

Por iso, desde o Concello de Cabanas lémbrase o seguinte:

  • Colector amarelo: unicamente latas, envases de plástico e bricks. Por exemplo: botellas de plástico que contiveran líquidos (aceites vexetais, refrescos, augas minerais, leite); botes de plástico groso que contiveran produtos de aseo ou limpeza (xel de baño, champú, lavavaixelas, suavizante, etc); latas de bebidas e de conservas; papel de aluminio; bricks de leite, viño e zumes de froitas; bandexas de porexpán ou cortiza branca; redeciñas de envoltorios de froitas ou verduras; plásticos film (bolsas finas, plástico para envolver); rnvases mixtos distintos aos briks (bolsas de aperitivos, envases de bolos industriais, …)
  • Colector azul: unicamente papel e cartón. Por exemplo: prensa e revistas; libretas (sen anelas, grampas, etc); papel de envolver, de embalar; caixas de cartón; cartóns de ovos; acolchado de embalaxes (cando sexa de papel ou cartón); libros.
  • Colector (iglú) vidro: unicamente vidro. Por exemplo botellas, frascos ou tarros, sen tapóns ou tapas.
  • Colector verde: Debemos depositar o resto de lixo diario. Por exemplo, orgánicos (restos de alimentos); materiais non reciclábeis (cueiros, compresas, servilletas de papel,…).

Outros residuos:

  • Aceite de cociña: só pode ser depositado nos colectores adicados a tal fin, dispoñíbeis en Porto (inmediacións da igrexa), na Madelena (inmediacións do túnel peonil), Laraxe (inmediacións entrada residencia), Día Oito, Lavandeira (inmediacións de marquesiña do autobús) e Cruce de Cardeita.
  • Pilas. Unicamente deben ser depositadas nos lugares que conten con minicolectores adicados a tal fin.

Cabanas dispón ademais dun servizo de recollida de enseres que funciona todas as semanas, nas noites dos martes aos mércores, polo que estes residuos deben ser depositados ao lado dos colectores de lixo os martes á tarde. Este servizo serve para recoller mobles ou voluminosos, mais en ningún caso está permitido o depósito de neumáticos, uralitas ou latas con químicos (por exemplo, pintura).

Lémbrase ademais que as empresas teñen que contar cun servizo de recollida de residuos industriais, e que os verquidos incontrolados non só non están permitidos, senón que son perseguidos por constituír un grave delito ambiental. Neste sentido, o Concello de Cabanas fai un chamamento á responsabilidade colectiva e tamén á colaboración para dar coas persoas responsábeis destes feitos, co fin de poder tramitar as correspondentes denuncias.

Share.

Comments are closed.