Posta en marcha da rede de establecementos de atención ao peregrino no Camiño Inglés

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, da que forma parte o Concello de Cabanas, está levando a cabo no último ano diversas actividades de promoción e mellor do Camiño Inglés, grazas ass concellos membros e á Deputación da Coruña.

Entre as liñas de traballo prioritarias para este 2020 atópase a de crear unha rede de establecementos sitos a pé de Camiño, unha fórmula que ten como obxectivos favorecer:

  • A cooperación público – privada entre concellos e empresas.
  • A mellora continua do sector en termos de calidade e sostibilidade.
  • A promoción das empresas turísticas especialmente comprometidas co Camiño Inglés e coa atención ao peregrino.
  • A promoción do uso e consumo de produtos agroalimentarios e pesqueiros locais.
  • A mellora da experiencia do peregrino ao longo de todo o Camiño Inglés, nas súas dúas vertentes.

Actualmente estase a realizar unha diagnose da situación de partida, colaborando cos 16 concellos membros da Asociación, para identificar proxectos de carácter local relacionados coa gastronomía quilómetro cero e visitando a unha mostra representativa de empresas situadas a pé do Camiño. Isto permitirá consolidar as bases reguladoras da rede, que establecerán os requisitos mínimos de calidade, sostibilidade, prevención da COVID-19 e emprego de produtos locais que deberán cumprir os establecementos adheridos.

Paralelamente, estase deseñando o naming e a imaxe de marca que representará á rede de establecementos desde a súa posta en marcha e que pronto se dará a coñecer.

Quen pode solicitar a adhesión nesta primeira fase?

Nesta fase inicial de constitución da rede, adheriranse un máximo de 32 establecementos, 2 por cada un dos concellos que conforman a Asociación de Concellos do Camiño Inglés.

Poderán formar parte da rede, este ano:

  • Aloxamentos, restaurantes e cafeterías con servizos de almorzos/comidas/ceas. Situados no trazado ou delimitación do Camiño Inglés a unha distancia estimada de non máis de 200 metros (salvo casos especiais).
  • Que conten habitualmente con peregrinos coma clientes.
  • Que empreguen habitualmente produtos agroalimentarios e/ou pesqueiros de proximidade.
  • Con interese no traballo en rede e na mellora continua, así coma comprometidos co medio ambiente.
  • Con medidas implantadas para a prevención do contaxio pola COVID-19.
  • Abertos a crear un menú especial para os peregrinos baseado en produtos locais.

A idea é que cada ano poidan incorporarse máis empresas e outros tipos de establecementos.

Como adherirse?

Todas as empresas que desexen formar parte da rede, terán que:

  • Asegurarse de que cumpren os requisitos previos anteriormente descritos.
  • Cubrir o Formulario de Solicitude de Adhesión.
  • Mandar o formulario [pódese descargar ao pé deste correo] ao correo da Xerencia da Asociación de Concellos do Camiño Inglés: xerencia@caminoingles.gal, axuntando copia do DNI do representante legal da empresa e do CIF de esta.
  • Agardar a resolución da Asociación!

Prazo aberto para o envío das solicitudes: do 18 de novembro ao 15 de decembro de 2020 ás 14:00h.

Seleccionaranse as dúas primeiras empresas que envíen o formulario de cada concello, sempre e cando a documentación estea completa e correcta e cumpra efectivamente cos criterios previos establecidos. As empresas que non poidan formar parte este ano do primeiro grupo, formarán parte da base de datos da Asociación e serán tidas en conta para futuras quendas de incorporacións.

Que vantaxes terá formar parte da rede para as empresas?

As empresas adheridas á rede terán unha serie de vantaxes e un tratamento preferente en canto ás actividades levadas a cabo por parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, coma por exemplo:

  • Posicionamento e distinción coma empresa onde se ofrece unha especial atención ao peregrino do Camiño Inglés (todas as empresas adheridas contarán cun distintivo físico para colocar no exterior e poderán empregar a imaxe de marca da rede nos seus soportes promocionais, respectando o manual de uso corporativo).
  • Inclusión gratuíta nos soportes de difusión e promoción oficiais da Asociación, tanto online coma offline (por exemplo: páxina web, redes sociais, reportaxes, publicacións, etc.).
  • Participación nos programas de formación e capacitación gratuítos promovidos pola Asociación (por exemplo: clases de inglés para hostaleiros, etc.).
  • Participación en eventos organizados pola Asociación para a promoción nacional e internacional do Camiño Inglés (por exemplo: viaxes de familiarización de axencias de viaxes especializadas, viaxes para medios de comunicación especializados, eventos promocionais, etc.).
  • Presenza en feiras de turismo, peregrinacións, cultura, etc. nacionais e internacionais (por exemplo: Fitur, Intur, Fairway, etc.).
  • E outras moitas máis!

Descarga | Formulario de inscrición

Share.

Comments are closed.