O goberno de Cabanas reuniuse telematicamente cos Representantes da Adolescencia do concello

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O goberno local de Cabanas reuniuse onte de maneira telemática co Grupo de Representantes da Adolescencia do Concello para coñecer de primeira man como estaban a levar o confinamento e saber das súas necesidades, de cara a poder elaborar novas políticas destinadas ao colectivo xuvenil. A xuntanza enmárcase dentro as actividades de apoio á poboación máis nova do concello, no marco do programa de Cidades Amigas da Infancia de UNICEF, do que Cabanas forma parte.

Na xuntanza, os diferentes representantes reflexionaron sobre a capacidade de adaptación da veciñanza á situación de confinamento, e amosaron o seu apoio ás persoas, traballadoras e voluntarias, dos diferentes colectivos que están a pór o seu grao de area na loita contra o coronavirus.

Por outra banda, o Grupo comentou a súa preocupación con respecto ao curso académico, e as dificultades para poder levar o traballo ao día ou centrarse a estudar nunhas condicións novidosas para eles até o de agora.  A conclusión xeral foi que non se debería seguir avanzando en novos contidos para evitar que parte do alumnado puidera quedar atrás.

Coa vista posta no futuro, o Grupo de Representantes da Adolescencia tamén quixo avanzar sobre o que farán ao rematar o confinamento. A meirande parte coincidiron no desexo de poder saír pasear, facer algo de deporte ou andar en bicicleta, ademais de volver atoparse coas súas amizades.

Pola súa banda, o goberno local adiantou ao Grupo que, desde as diferentes áreas, ten preparado todo o equipamento previsto para que poidan continuar co seu traballo unha vez que rematen as limitacións de confinamento e se poida reactivar a actividade.

Share.

Comments are closed.