O Concello de Cabanas iluminarase no Día da Esclerose Múltiple

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Co gallo da conmemoración do Día Nacional da Esclerose Múltiple que se celebra este 18 de decembro, o Concello de Cabanas anuncia que iluminará o edificio da Casa do Concello de cor laranxa, a elixida polas asociacións de persoas afectadas por esta doenza para a súa visualización.

Con esta iniciativa, o Concello de Cabanas pretende colaborar coas asociacións de persoas afectadas por EM para visibilizar esta doenza e sensibilizar á poboación sobre como afecta á vida cotiá das persoas que a padecen.

A enfermidade “das mil caras”

A Esclerose Múltiple é unha doenza considerada autoinmune, dexenerativa e a día de hoxe incurábel, que afecta ao cerebro e ao sistema nervioso central das persoas que a padecen. Afecta, sobre todo, a persoas adultas novas, sendo diagnosticada maioritariamente entre os 20 e os 40 anos de idade, cunha maior prevalencia no caso das mulleres (3 de cada 4 casos diagnosticados é unha muller).

É coñecida como “a enfermidade das mil caras”, pola multitude de efectos e síntomas que presenta, diferentes en cada persoa, e actualmente padécena máis de 55.000 persoas no Estado español, producíndose un novo diagnóstico cada 5 horas.

Share.

Comments are closed.