Martes, Xaneiro 19

O 95% das incidencias comunicadas a través da app foron solucionadas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas fai balance do primeiro ano da implantación da aplicación móbil “Línea Verde”, que permite á veciñanza comunicar a través do seu móbil incidencias relacionadas co municipio. Desde a súa posta en funcionamento hai un ano, a participación veciñal experimentou un crecemento exponencial, o que amosa unha eficaz resposta por parte do Concello na resolución de incidencias comunicadas pola veciñanza.

A día de hoxe lévanse comunicado 558 incidencias, das cales o 95% xa foron solucionadas. O tipo de incidencias máis frecuentes son aquelas que fan referencia ao alumeado público, seguidas das de beirarrúas e calzadas, rozas, lixos e mobiliario urbano. O 5% de incidencias restantes correspóndense con actuacións maiores, que precisan dun plan concreto de actuación ou investimentos que requiren a colaboración de plans de financiamento que dependen de outras Administracións públicas.

“Grazas á implicación directa da veciñanza, o Concello podo xestionar dunha maneira máis áxil e eficaz as incidencias que se producen no día a día”, indicou o tenente alcalde e responsábel da área de innovación tecnolóxica, Iago Varela. “A implantación desta plataforma tamén supuxo un importante avance na xestión interna das incidencias comunicadas ao Concello por parte da veciñanza, ao permitir o seu seguimento desde a apertura da mesma até a súa resolución final”, engadiu Varela.

Igualmente satisfeitas se amosan as responsábeis das concellarías de infraestruturas e servizos, áreas encargadas de xestionar a meirande parte das incidencias comunicadas a través da aplicación. A responsábel de infraestruturas, Concepción Rodríguez, destaca que a través deste servizo “o Concello detectou necesidades das que non tiña constancia e que dificilmente podería coñecer por outras vías”, mentres que a responsábel de servizos, Eva García, puxo en valor esta ferramenta “para detectar, localizar e solucionar incidencias de unha maneira máis áxil e transparente para a veciñanza”.

Aplicación, web e atención telefónica

Para pode empregar este servizo, é necesario proceder á descarga da aplicación “Línea Verde” a través da Play Store (usuarias de Android) ou a App Store (usuarias de iPhone), e unha vez instalada configurala seleccionar “Cabanas” como concello de referencia, un procedemento rápido e sinxelo.

Para poder comunicar unha incidencia, chega con clicar sobre o botón “Nova incidencia”, aparecendo en pantalla un despregábel coas diferentes tipoloxías de incidencias. A usuaria seleccionará aquela sobre a que quere comunicar, e de maneira automática a app detecta as coordenadas exactas nas que se ubica o desperfecto. O seguinte paso é incluír – se se quere – unha foto e comentario e premer o botón “Enviar”. Unha vez recibida a incidencia polo persoal do Concello, comezan os trámites para a súa resolución, enviándose unha comunicación á persoa que enviou a incidencia cada vez que se produce un cambio de estado.

Aquelas persoas menos familiarizadas cos smartphones poden acceder á web lineaverdecabanas.gal para tramitar a súa incidencia desde un ordenador, chamar ao 981 495 959 en horario de mañá ou ao 902 193 768 (custe 0,07 €/min) unha vez que pechan as oficinas de municipais e até as 17h.

Share.