Novas prazas de aparcadoiro para persoas con discapacidade no entorno urbano de Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Infraestruturas e Accesibilidade, aprobou a creación de sete novas prazas de aparcadoiro adaptadas a persoas con discapacidade na zona urbana.

Catro destas novas prazas sitúanse na Avenida do Areal, principal vía de comunicación do Concello, outra na Travesía Campo do Oito (ao carón da parada de taxis), outra na Rúa Santa Marta e unha última na Rúa Pinemar. Ademais, aproveitouse para restaurar a existente nas inmediacións da Oficina de Información Turística, no Parque do Areal.

“Coa instalación destas novas prazas dáse resposta a unha vella demanda da veciñanza da zona urbana con problemas de mobilidade, facilitando o aparcadoiro nas proximidades das vivendas e edificios”, sinalou a concelleira responsábel da área, Concepción Rodríguez.

Os traballos iniciáronse esta semana co pintado das prazas e instalación da sinalización vertical, e se completarán ao longo dos próximos días coa construción de ramplas de acceso ás mesmas desde a beirarrúa nos puntos nos que é necesario.

Share.

Comments are closed.