Mércores, Outubro 21

Nova páxina web do Concello de Cabanas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de actualizar a súa páxina web, o que supón unha mellora substancial da experiencia de usuario para a consulta de información e acceso aos trámites máis destacados que se poden realizar de maneira telemática.

A nova web permite chegar máis rapidamente á información municipal e aos trámites máis frecuentes, ao tempo que agrupa a información por áreas de goberno de maneira que aparezan todas as novas e información máis frecuente de cada unha delas dunha maneira máis ordenada.

De cara ás visitantes, a nova web incorpora a información turística, con información práctica de como chegar ao concello, roteiros que se poden realizar e tamén un banco de imaxes que permite coñecer o concello sen saír da casa.

“A nova páxina web adáptase aos distintos tipos de pantalla, ofrecendo unha boa experiencia ás usuarias con independencia do dispositivo que empreguen para acceder a ela”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de innovación tecnolóxica, Iago Varela, quen tamén destacou que “máis da metade dos accesos á web estanse a producir desde smartphones e tablets”.

A actualización da páxina web do Concello de Cabanas, accesíbel desde cabanas.gal, é unha medida máis dentro do proceso de aposta pola transparencia e dixitalización do Concello posta en marcha pola Área de Innovación Tecnolóxica, que se suma ao lanzamento dunha aplicación para a comunicación de incidencias a finais do ano pasado ou a gravación e retransmisión dos plenos por streaming iniciada no mes de xuño.

Share.