Sábado, Abril 20

Nova edición do Programa Integrado de Emprego dirixido a mulleres

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Mancomunidade de Concellos de Comarca de Ferrol, vén de ser beneficiario dunha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galiza dirixido a mulleres en situación de desemprego do noso concello, así como tamén dos concellos de Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Ares e Mugardos que cumpran algún dos seguintes requirimentos:

  • Certificado de discapacidade.
  • Risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción a renda de inclusión social de Galiza.
  • Vítimas de violencia de xénero.
  • Menores de 30 anos con baixa cualificación.
  • Menores de 30 anos cualificadas.
  • Maiores de 45 anos.
  • Perceptoras de prestacións, subsidios por deseprengo ou renda activa de inserción (RAI).
  • Inmigrantes.

Dito Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2020 / 2021 ten unha duración de 12 meses, e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás mulleres participantes, de xeito que melloren a súa empregabilidade e, polo tanto, a súa inserción laboral.

Os medios empregados para a consecución deste obxectivo son moi diversos, e adáptanse ao perfil de cada persoa. Deste xeito, conxugaranse accións individuais co persol técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas tanto cualificantes (atención sociosanitaria, administración, comercio e loxística, peixaría, carnizaría…) como de tipo transversal (preparación para as competencias chave, informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista…).

O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posíbeis ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa. O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego deste ano é do 35%.

É importante subliñar que todas estas accións apoiaranse con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñan menores ou persoas con discapacidade ao seu cargo – e non dispoñan de recursos de apoio – poderán beneficiarse dun servizo de conciliación. Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 7 € por día de asistencia ás accións do programa.

Esta metodoloxía permite que as perticipantes amplíen non só a súa cualificación, senón que – ao mellorar o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral – poidan adquirir formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.

As mulleres interesadas en ampliar información ou inscribirse no programa poderán solicitalo a través do correo electrónico emprego@cabanas.gal ou chamando aos teléfonos 697 874 155 / 670 304 224 / 981944000 ext. 378. O prazo de solicitude vai desde hoxe até o próximo 25 de novembro, ambos inclusive. Posteriormente, as mulleres inscritas serán chamadas para realizar unha entrevista de cara á selección final.

Para inscribirse, débese enviar por correo electrónico ou entregar nas oficinas xerais do Concello de Cabanas (Área de Emprego) a seguinte solicitude cuberta:

Descarga | Impreso solicitude

Share.

Comments are closed.