Sábado, Setembro 26

Luz verde ao convenio de colaboración para a xestión do Punto Limpo de Vilar do Colo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O pleno municipal de Cabanas, reunido onte en sesión ordinaria, aprobou por unanimidade o convenio de colaboración para a xestión compartida do Punto Limpo de Vilar do Colo.

As instalacións do Punto Limpo levan construídas desde outubro de 2013, e desde aquela houbo varias tentativas de poñelas en marcha que non chegaron a callar. Porén, a aprobación do convenio de colaboración polo pleno de onte, no que se fai un reparto proporcional dos custes entre os catro concellos implicados, supón o impulso definitivo para a posta en marcha deste servizo.

Tal e como se establece no documento aprobado onte polo pleno, o Concello de Cabanas – que comparte titularidade do Punto Limpo con Fene – asumirá o 12,06 % dos custes, Fene o 47,58 %, Ares o 21,07 % e Mugardos o 19,28 %.

Unha vez aprobado o convenio polos plenos dos catro concellos, será o Concello de Fene o encargado do proceso de contratación pública. As previsións apuntan a que este proceso se inicie ao longo do verán, de cara a poder proceder á adxudicación durante este outono.

Desde o goberno de Cabanas valórase positivamente a aprobación do convenio de colaboración entre os concellos, que supón o impulso definitivo ao Punto Limpo, e esperan que a súa posta en marcha sirva para eliminar os vertedoiros incontrolados que aparecen ocasionalmente en varios puntos do municipio.

Share.