O Concello de Cabanas convoca unha praza de limpador/a adscrita ao Centro de Saúde

Galego

As solicitudes para tomar parte no proceso selectivo poden presentarse dende mañá no rexistro xeral e as bases da convocatoria están a consulta no BOP

Cabanas, 27 de febreiro de 2019. O Concello de Cabanas publica no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, 27 de febreiro, a convocatoria para a selección de persoal para a provisión dunha praza de limpador/a adscrita ao Centro de Saúde, vacante por situación de baixa médica da persoa que ocupa a praza, e a constitución dunha bolsa de emprego. Co anuncio, a partir de mañá 28 de febreiro ábrese o prazo de presentación de solicitudes para optar ao posto. Será por espazo de cinco días hábiles e as persoas interesadas deben formalizar o trámite no Rexistro Xeral do Concello de Cabanas (de luns a venres de 9 horas a 14 horas). Tamén se poderán presentar na forma establecida no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O contrato terá unha duración temporal, baixo a modalidade de contrato laboral de interinidade, dende a súa contratación até a reincorporación da persoa que ocupa dita praza ou, no seu caso, até que se cubra definitivamente por persoal laboral fixo a través da correspondente oferta de emprego e convocatoria pública. Así mesmo, o sistema de selección é o de concurso-oposición, en quenda libre. As retribucións básicas e complementarias que corresponden ao posto de traballo son as que figuran na Relación de Postos de Traballo do Concello de Cabanas, así como no orzamento municipal aprobado para o actual exercicio económico, coas actualizacións que procedan para as seguintes anualidades, no seu caso. O contrato será a tempo parcial, a media xornada, e as funcións a desenvolver as seguintes: realizar a limpeza do centro de saúde, manter nas correctas condicións de hixiene e ornato todos os bens, mobles e dependencias asignadas e calquera outra relacionada co posto que lle encomende o seu superior xerárquico.

Tags: