O Concello convoca dúas prazas de auxiliar de axuda no fogar para cubrir temporalmente dúas baixas no servizo

Galego

As solicitudes para tomar parte no proceso selectivo poden presentarse dende hoxe no rexistro xeral e as bases da convocatoria están a consulta no BOP

Cabanas, 27 de febreiro de 2019. O Concello de Cabanas abre hoxe, e por espazo de cinco días hábiles, o prazo de presentación de solicitudes para tomar parte no proceso selectivo convocado para a provisión de dúas prazas de Auxiliar de Axuda no Fogar e constitución de Bolsa de Emprego. Trátase de dúas prazas de persoal laboral temporal para a prestación do servizo de axuda no fogar en libre concorrencia por mor da situación de baixa médica das persoas que viñan desempeñando ditas prazas e, coa creación da bolsa de emprego, búscase cubrir necesidades transitorias que requiran puntualmente a contratación de persoal laboral para realizar substitucións por ausencias de persoal, incapacidade laboral transitoria, permisos ou licenzas, acumulación de tarefas nese servizo, para atender a programas ou servizos temporais, estacionais ou urxentes que non podan prestarse co persoal existente ou estean subvencionados por outras Administracións Públicas.

A duración do contrato laboral temporal estará suxeito ás necesidades do servizo, mentres perdure a situación que de lugar á súa contratación, no casos establecidos nas bases da convocatoria, que poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia publicado no día de onte, 26 de febreiro.

Os traballos realizaranse en domicilios situados no núcleo urbano ou nas diferentes parroquias do municipio, de acordo coa programación de traballo que se designe, polo que as persoas seleccionadas terán que contar cos medios necesarios para o desprazamento, pola súa conta, dentro da xornada laboral.

As retribucións básicas e complementarias que corresponden ás prazas convocadas son as que figuran no orzamento municipal aprobado para o actual exercicio económico, coas actualizacións que procedan para as seguintes anualidades, no seu caso.

As solicitudes para tomar parte no proceso selectivo faranse mediante instancia nas que se fará constar que se reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos nas bases. Presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Cabanas (de luns a venres de 9 horas a 14 horas) durante o prazo de cinco días hábiles, cómputo que se iniciará ao día seguinte ao da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (o 26 de febreiro).

Tamén se poderán presentar na forma establecida no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Tags: