Domingo, Outubro 25

Entrega de premios da campaña “Merca en Cabanas”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas fixo hoxe entrega dos premios da campaña “Merca en Cabanas”, unha iniciativa de promoción do consumo no comercio local que ten lugar no contexto da crise da COVID-19 e as medidas de apoio ao comercio e a hostalería local.

En total repartíronse un total de 23 premios entre as persoas participantes, tres premios principais (de 200, 150 e 100 euros) e vinte premios secundarios (de 50 euros cada un), en bonos que as persoas gañadoras poderán empregar nas súas compras nos establecementos participantes até o próximo 30 de novembro.

“A campaña permitiu non só axudar a revitalizar o comercio e a hostalería local nun ano complicado pola crise económica derivada da pandemia da COVID-19, senón tamén fidelizar o consumo local e dar a coñecer a ampla oferta que ten Cabanas para que a xente poida facer as súas compras”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro de promoción económica, Iago Varela, quen recorda que participaron unha corentena de locais do municipio. A promoción conseguiu retornos económicos de “máis do 1000%, multiplicando con creces o investido”, engadiu.

Mecánica da promoción

Durante os meses de xullo e agosto, por cada cinco euros de compra nos establecementos participantes na promoción, as usuarias recibían un selo nun boleto. Ao completar 20 selos (100 euros en compras) nun boleto, tiñan que depositalo nunha urna para o sorteo dos 23 premios, que se realizou o pasado martes en sesión pública na Casa do Concello.

Axudas para persoas autónomas e hostalería

Esta medida súmase á liña de axudas posta en marcha polo Concello de Cabanas para paliar os efectos económicos da crise da COVID-19, na que se destinan 40.000 euros en axudas a persoas autónomas para facer fronte a gastos como o alugueiro de locais, gastos de xestoría, cotas da seguridade social ou nóminas de empregadas por conta allea.

Por outra banda, o Concello de Cabanas tamén suspendeu o cobro da instalación de terrazas, para aliviar a carga fiscal nos establecementos hostaleiros.

Imaxes da entrega de premios

Share.