Completada a primeira fase das actuacións en Soaserra

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de anunciar o remate da primeira fase das actuacións que se están a desenvolver na parroquia de Soaserra, e que teñen como obxectivo a recuperación de espazos e o mantemento de camiños e outros elementos de arquitectura tradicional.

Nesta primeira fase completouse a recuperación dunha parcela en Xabariz, na que ademais de prepararse o terreo plantáronse varias árbores e instaláronse tres bancos. Ademais, leváronse a cabo traballos de roza nos accesos e arredores das fontes de Cerdeiras e de Soaserra, como paso previo á segunda fase.

Para a segunda fase, que se desenvolverá nas vindeiras semanas, o Concello de Cabanas restaurará a fonte de Cerdeiras e recuperará o seu caudal, ademais de executar melloras no lavadoiro e fonte de Soaserra e as súas inmediacións, onde tamén se amañará unha ponte sobre o río.

“Coa creación desta área de lecer a veciñanza de Soaserra recupera un espazo abandonado pola maleza nun lugar que permite ademais desfrutar dunhas marabillosas vistas ás Fragas do Eume”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de medio ambiente, Iago Varela.

As actuacións están vencelladas ás axudas a investimentos non produtivos para a realización de obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito dos Parques Naturais de Galiza.

Share.

Comments are closed.