Cabanas repartirá material de protección para facer fronte ao coronavirus

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +
O Concello de Cabanas está a preparar o reparto de material de protección fronte ao coronavirus entre a súa poboación, unha medida que nunha primeira fase estará centrada en asistir á poboación de risco, á espera de ver como evoluciona a pandemia para decidir se se amplía á totalidade da poboación.
Esta nova medida enmárcase dentro da estratexia posta en marcha polo executivo local para facer fronte ás consecuencias do COVID-19, que tamén inclúe propostas de índole máis económica, como a devolución das cotas das actividades, a exención das cotas do PAI ou das terrazas e outras bonificacións que se están a estudar en conxunto co resto de concellos que forman parte da Mancomunidade de Ferrol.
“A crise do coronavirus é un problema global, cuxo control sobarda as competencias municipais, mais todas as administracións deben achegar o seu gran de area  para pasarmos este proceso da mellor forma posíbel”, sinalan desde o goberno local de Cabanas.
Desde o Concello de Cabanas lémbrase tamén a existencia dunha partida destinada a Emerxencia Social, que foi ampliada polo executivo actual nos Orzamentos de 2020, coa que se fará fronte a todas as necesidades derivadas da crise económica provocada nas familias pola paralización das actividades por mor do estado de alerta.
Actuacións en todas ás áreas
Desde o inicio da crise do COVID-19 o Concello de Cabanas mantén unha comunicación e coordinación constante coas autoridades das diferentes áreas para actuar en todas as frontes.
No eido educativo, estase a manter un contacto permanente cos diferentes centros escolares para facer seguimento das necesidades do estudantado, tanto a nivel de material como de equipos para facer seguimento das aulas a distancia. Ademais, tense elaborado un censo da situación de acceso a Internet, por se fose necesaria a intervención do Concello para facilitar a conexión á rede nalgún caso específico.
Por outra banda, o Concello de Cabanas ten en marcha desde o inicio da crise do coronavirus un servizo de asistencia a domicilio destinado a aquelas persoas que non poden desprazarse para facer as súas compras de alimentación ou medicinas, en colaboración con Protección Civil. Este servizo pode solicitarse nos teléfonos 674 258 970 ou no 627 950 682.
Cabanas tamén está a levar a cabo traballos diarios de desinfección, tanto nas instalacións municipais (Casa do Concello, Centro de Saúde), como nas inmediacións dos locais que permanecen abertos (supermercados, farmacia, panaderías, …) e no mobiliario urbano, co fin de previr a propagación do virus.
Así mesmo, desde que estalou a crise do coronavirus o Concello limitou a atención ao público e estableceu uns servizos mínimos, facilitando o teletraballo a todo o persoal non esencial e provendo de EPIs ao persoal que segue a prestar servizo nos seus postos de traballo habituais.
Entretemento para facer máis levadeira a corentena
A través das redes sociais, o Concello de Cabanas tamén está a axudar a facer máis levadeiro o confinamento da poboación, con iniciativas como #CabanasDesdeACasa, na que se anima á veciñanza a compartir o que ven desde as súas fiestras, ou compartindo ideas para facer manualidades coas pequenas da casa, actuacións teatrais e contacontos, entre outras.
Por último, o Concello de Cabanas, en colaboración coa Policía Local e Protección Civil, súmase á celebración dos cumpreanos dos máis pequenos, achegándose coas sereas aos seus domicilios para felicitalos. Pódese solicitar chamando con anterioridade ao teléfono 627 950 682.
Share.

Comments are closed.