Sábado, Outubro 31

Cabanas recupera a historia oral das mulleres de Regoela

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Igualdade, inicia esta semana o programa “Memoria dun Século”, un proxecto de historia oral e saúde comunitaria con perspectiva feminista dirixido a persoas maiores, que ten como obxectivo elaborar o relato de cen anos de historia dunha parroquia, a de Regoela, ao tempo que xera un espazo de cohesión social e traballa a memoria individual.

Os obradoiros desenvolveranse con enfoque de xénero, recoñecendo o papel das mulleres, que aínda sendo igualmente donas da historia da súa parroquia foron silenciadas e subestimadas, e creando unha oportunidade para reconstruír 100 anos de historia igualitaria en Regoela.

Desenvolverase ao longo de entre seis e nove sesións, cada unha delas centrada nunha temática específica (oficios, festas, persoas destacadas da época…), e guiadas por Olga Romasanta, de Rexenerando Sociedade Cooperativa. O relato compartido perdurará na historia en formato de publicación, que verá a luz unha vez rematen os obradoiros.

“Memoria dun Século supón unha oportunidade única de facer que perdure a historia viva dunha parroquia, poñendo o foco no papel fundamental das mulleres na Regoela e na Galiza do último século”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula González.

A actividade iníciase este xoves, 8 de outubro, e as persoas interesadas poden apuntarse no teléfono 649 075 263 ou no correo electrónico igualdade@cabanas.gal

Share.