Cabanas publica as axudas do PEL-Reactiva, que reparten 67.000 € entre 35 negocios locais

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas vén de publicar o listado coa concesión provisional de axudas ao abeiro do programa PEL – Reactiva, impulsado conxuntamente polo Concello de Cabanas e a Deputación da Coruña.

Este programa ten como principal obxectivo colaborar co tecido produtivo local, para axudar tanto nos gastos de adaptación dos negocios derivados das novas exixencias preventivas da COVID-19 (compra de material antiséptico ou produtos de limpeza e aseo, instalación de mamparas…), como con aqueles necesarios para o mantemento da actividade (gastos de alugueiro, seguros e outros gastos fixos, como a luz, gas, subministración de auga…).

En total, Cabanas repartirá 35 axudas – por un importe de 67.000 euros – a outras tantas microempresas e persoas autónomas do municipio, repartidas do seguinte xeito: unha axuda de 3.000 €, oito axudas de 2.500 €, dez axudas de 2.000 € e dezaseis axudas de 1.500 €.

“Co obxectivo de que ningunha persoa ou empresa que cumprise cos requirimentos quedase fóra das axudas, incrementamos con fondos propios a partida asignada inicialmente para chegar aos 67.000 euros totais”, sinalou Iago Varela, tenente alcalde e concelleiro de promoción económica de Cabanas.

Compromiso co tecido produtivo local

O pasado xuño, Cabanas repartiu 12.600 euros de fondos propios en axudas entre pequenas empresas e persoas autónomas da vila, a través de vinte unha subvencións de 600 euros cada unha, para contribuír a paliar a crise económica derivada da pandemia e favorecer o mantemento do emprego local.

Ademais, tanto nos meses de verán, como durante as pasadas festas de Nadal, o Concello activou a campaña “Merca en Cabanas”, co obxectivo de promocionar o comercio e o consumo local, e que resultou todo un éxito, cunha alta implicación e participación por parte do comercio, veciñanza e visitantes.

“O noso compromiso como Concello é seguir colaborando co tecido produtivo local para superar a crise económica xerada pola pandemia da COVID-19 sen que ninguén teña que pechar a porta do seu negocio”, engadiu Varela, quen reclamou “o mesmo compromiso” por parte do resto de Administracións públicas.

Descarga | Listado

Share.

Comments are closed.