Cabanas presenta unha guía web de locais e servizos

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de promoción económica, presentou hoxe a guía de locais e servizos “Merca en Cabanas”, dispoñíbeis a través do enlace http://merca.cabanas.gal, na que se ofrece información categorizada dos establecementos do municipio.

Cada establecemento incluído na guía dispón da súa ficha, na que se ofrece unha breve descrición dos servizos que presta e outros datos de interese (enderezo, teléfono, páxina web, redes sociais…). Ademais, cada local está incluído nunha ou varias categorías das preto de 20 que se consideraron de maneira inicial (alimentación, saúde, bares, estancos…). Desde o goberno local sinálase que se trata dun “espazo vivo, con vocación de medrar e ir sumando novos establecementos e profesionais que ofrecen os seus servizos na localidade”.

“Cabanas dispón dun tecido comercial, empresarial e de servizos capaz de dar resposta a boa parte das demandas e necesidades diarias da veciñanza”, sinalou o tenente alcalde e responsábel de promoción económica de Cabanas, Iago Varela. “Coa esta guía búscase pór en valor este tecido e dalo a coñecer entre a poboación local e visitantes, porque mercando local contribúese a xerar emprego e fixar poboación”.

Os traballos de elaboración desta guía comezaron a mediados do pasado mes de decembro, en colaboración co alumnado en prácticas do curso para a obtención do certificado de profesionalidade en Programación con Linguaxes Orientadas a Obxectos e Base de datos. “Queremos agradecer o traballo desenvolto por Manuel Seselle, Rocío Fernández e Hugo Rodríguez, que serviu de base para levar a cabo o proxecto que desenvolvemos finalmente”, concluíu Varela.

Share.

Comments are closed.