Cabanas presenta a súa estratexia en defensa do medio ambiente baixo a marca “Cabanas Sostíbel”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +
O Concello de Cabanas vén de presentar a súa estratexia en defensa do medio ambiente baixo a marca “Cabanas Sostíbel”, na que se engloban unha serie de campañas e accións chamadas a mellorar a sostibilidade do concello.
 
Para a elaboración da imaxe desta campaña contouse co pintor Miguel Anxo Romero, que elaborou un deseño que sintetiza a riqueza ambiental de Cabanas, no que combina mar e terra cun esquío sobre un piñeiro como protagonista principal.
 
“Dentro desta estratexia levaranse a cabo diversos plans de concienciación ambiental, así como roteiros interpretativos e actividades para a mellora do medio ambiente”, sinalou o tenente alcalde e concelleiro da área, Iago Varela, quen tamén confirmou que “o plan de compostaxe doméstica, iniciado o outono pasado, será ampliado en breve no marco desta campaña”.
 
Aproveitando a presentación da estratexia Cabanas Sostíbel, o Concello repartirá entre a veciñanza, en colaboración co comercio local, un milleiro de bolsas de malla reutilizábeis para a froita coas que se pretende contribuír á redución do consumo de plástico.
 
Varela tamén quixo agradecer a colaboración do Grupo de Representantes da Infancia e Adolescencia de Cabanas nesta iniciativa. “Recollemos a súa preocupación pola gran dependencia da sociedade no plástico e traballamos co grupo na preparación das bolsas que se repartirán”, concluíu.
Share.

Comments are closed.