Luns, Setembro 28

Cabanas prepara actuacións de mellora do saneamento e humanización no entorno do Areal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas aprobou o proxecto para a conexión da rede de saneamento e reparación de augas pluviais no Parque do Areal, unha actuación que tamén inclúe a humanización e mellora da accesibilidade no cruce da Avenida do Areal coa Travesía do Areal, principal entrada peonil ao entorno da Praia da Madalena desde o núcleo urbano da localidade.

Con estas obras, o Concello de Cabanas arranxará as deficiencias da rede de saneamento e augas pluviais na zona do Areal, onde se detectaron diferentes contaminacións de fecais na rede de pluviais canalizadas ao Río Penso, que desemboca na Praia do Fabal. A nova rede de saneamento canalizarase até o colector de augas residuais no Paseo da Madalena, mediante un topo baixo a vía do tren.

Por outra banda, no Parque do Areal procederase a arranxar a zona afundida, coa instalación de novos colectores de pluviais e a rehabilitación do parque nesa área. Así mesmo, tamén se conectarán á rede de saneamento a marxe esquerda entre a rotonda da N651 e a Travesía do Areal.

Está previsto que estas actuacións se leven a cabo ao longo de 2021, toda que vez que reciban as autorizacións solicitadas aos diferentes organismos afectados. O orzamento destas actuacións ascenden a un total de 244.966,05 €, dos cales 158.938,71 € corresponden a fondos propios e 86.027,34 € a fondos subvencionados pola Deputación da Coruña a través do POS+ adicional 2020.

Desde o goberno local amosáronse satisfeitas por levar adiante “un proxecto que vén a solucionar un histórico problema medioambiental e urbanístico na zona urbana”, e destacan a colaboración entre as diferentes áreas de goberno para levalo adiante.

Share.