Sábado, Abril 20

Cabanas leva a FITUR a renovación da súa imaxe turística e o seu patrimonio indiano

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas aproveitou a súa visita á Feira Internacional de Turismo (FITUR), que hoxe abre as súas portas en Madrid, para presentar o novo material turístico co que se pretende pór en valor o patrimonio natural e arqueolóxico da localidade.    Nesta liña, Cabanas estrea un novo plano con información turística que se actualiza, non só na estética, senón tamén na información que ofrece. “Co novo plano ponse en valor a gran riqueza arqueolóxica e natural que temos en todo o concello”, sinalou o tenente alcalde e edil de turismo, Iago Varela.    Cabanas ofrece ás visitantes opcións que se adaptan a todos os gustos e necesidades. “O modelo turístico que estamos a impulsar desde o goberno municipal promove unha oferta turística que non sexa só o turismo veraniego de sol e praia. Queremos que o turismo e os seus beneficios se estendan a todos os rincóns do concello e a todas as épocas do ano, engadiu Varela.   Ademais do renovado plano, que xa se distribúe nos puntos de información turística de Cabanas, o concello prepara tamén unha nova páxina web con información turística accesíbel que chegará nas próximas semanas, e folletos con información sobre patrimonio e rutas de sendeirismo, como a do patrimonio indiano que tamén se puido ver na feira de turismo. Todo isto enmárcase dentro dunha estratexia ampla na cal se está a actuar tamén en aspectos de infraestrutura e impulso do retorno económico, “para que toda a veciñanza se vexa beneficiada”, rematou Varela.

Share.

Comments are closed.