Cabanas inicia mañá o reparto de máscaras infantís

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Dentro da campaña de entrega de máscaras de protección entre a poboación posta en marcha polo Concello de Cabanas, a partir deste luns serán os menores de 14 anos os que recibirán nas súas casas un paquete composto por un diploma agradecendo a súa colaboración na loita contra a pandemia e unha máscara para usar nos seus paseos.

Durante a semana que remata hoxe, o Concello de Cabanas enviou máscaras de protección reutilizábeis a toda a poboación maior de 52 anos, e tras o envío aos menores de 14 anoa será o resto da poboación a que irá recibindo nas súas casas as máscaras ao longo da semana, até completar o censo municipal. “Fixemos un envío de material escalonado conforme fomos recibindo o material adquirido polo Concello”, sinalan fontes do goberno local.

Para clarificar as pautas establecidas polo BOE sobre os paseos de menores, o Concello de Cabanas elaborou tamén unha guía rápida na que se condensa nunha imaxe como deben ser eses paseos e que se pode e que non se pode facer. Na guía recoméndanse os espazos abertos, como o Piñeiral ou as zonas rurais, ao tempo que se lembra que os xogos dos parques continúan precintados ata que sexa posibel o seu uso sen perigo de contaxio.

Axudas para empresas e autónomos

Por outra banda, dentro da estratexia para a reactivación económica que prepara o Concello de Cabanas, o goberno municipal está traballando no modelo de axudas que porá a disposición de autónomos e empresas.

Ao longo dos próximos días faranse públicas estas axudas. “Estamos a acabar de perfilar as cantidades que Cabanas pode aportar para a promoción económica do concello”, confirmaron fontes do goberno local.

Share.

Comments are closed.