Cabanas exixe á Xunta participar na comisión de seguimento da situación do Eume

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Logo do comunicado publicado pola Xunta de Galiza en relación á incoación dun expediente sancionar contra Endesa pola situación do río Eume en relación á turbidez as augas, o Concello de Cabanas quere reclamar unha vez máis a Augas de Galicia que faga públicos os resultados de todas as análises da auga efectuadas até o momento, incluíndo os resultados de sólidos e metais.

En dito comunicado da Xunta, o goberno galego tamén sinala a creación dunha comisión de seguimento da río, na que participarán persoal de Augas de Galicia, de Endesa, de Viaqua e do Concello de Pontedeume. Porén, o organismo autonómico non se puxo en contacto co Concello de Cabanas, como parte afectada polos verquidos de Endesa ao río.

“Desde o Concello de Cabanas non imos ficar caladas, e exixímoslle á Xunta unha rectificación para incluír ao Concello de Cabanas nesa comisión como parte afectada”, sinalou o tenente alcalde e responsábel da área de medio ambiente, Iago Varela. “Todos os focos están postos na falta de abastecemento de Pontedeume, mais o problema vai máis alá, e temémonos que o interese da Xunta sexa pechar o expediente toda vez que se resolva o problema da traída no municipio veciño”,concluíu.

O Concello de Cabanas non vai permitir que se peche en falso unha investigación sobre o que Endesa estivo a verquer e segue verquendo ao río Eume, e exixirá responsabilidades tanto a Endesa, como causante dos verquidos, como a Augas de Galicia como organismo que estivo a obviar as denuncias realizadas por diferentes colectivos nas últimas semanas.

Foto |Colectivo Terra

Share.

Comments are closed.