Cabanas exixe á Xunta claridade na xestión da situación do Río Eume

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da área de medio ambiente, dirixiuse esta semana a Augas de Galicia para solicitar que lle sexan comunicados os resultados de todas análises de auga realizadas – así como as que se fagan nun futuro – no Río Eume durante toda a crise medioambiental, e tamén que se leven a cabo probas para analizar a presenza de metais e sólidos tanto nas augas do río coma nos lodos aflorados no encoro, aparentemente responsábeis da turbidez do río en todo o seu treito final.

Á vista da falta de información trasladada desde a Xunta de Galiza ao Concello de Cabanas, o ente municipal exixe “claridade total” ao Goberno galego na xestión da crise medioambiental, e que o expediente anunciado pola conselleira de medio ambiente Ethel Vázquez na súa visita á zona no día de onte (da que o Concello de Cabanas non foi informado) sexa “unha investigación rigorosa que permita aclarar as orixes dos verquidos e a responsabilidade de Endesa nun novo caso de contaminación do Río Eume”.

“A prohibición do consumo de auga en Pontedeume é só a punta do iceberg dun problema ambiental moito máis grave e de maior calado”, apuntou Iago Varela, tenente alcalde de Cabanas e responsábel da área de medio ambiente, quen tamén advertiu de que “o pouso dos sedimentos dos verquidos podería acabar co banco marisqueiro da marisma de Cabanas – Pontedeume”.

Finalmente, pídese tamén a paralización do desaugamento da presa até que haxa unha investigación e unha solución: “non pode ser que a empresa se refuxie na necesidade dun caudal ecolóxico (que pasou décadas sen respectar) para non paralizar un desaugamento que semella claro que está a ter consecuencias ambientais graves”.

Cabanas non se abastece do Eume

O Concello de Cabanas tamén quere enviar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, xa que o municipio estase abastecendo exclusivamente de augas do río Ventín na represa de Fonfría. Só en períodos de seca ou estivais Cabanas recibe augas do Eume a través dunha canalización desde Pontedeume que permite dar servizo a parte da zona urbana.

Foto: Colectivo Terra

Share.

Comments are closed.