Cabanas contrata unha nova empresa para a xestión do PAI das Viñas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas informa de que unha nova empresa vai facerse cargo do servizo do Punto de Atención á Infancia (PAI) “As Viñas” a partir do luns 9 de marzo, logo da resolución do contrato coa empresa Novo Alicerce SL.

A empresa Os Ventos Innovación en Servizos SL será a encargada de prestar o servizo desde este luns a través dun contrato menor, prorrogábel até que se leve a cabo unha nova licitación.

Á vista da existencia de razóns de interese público que non facían convinte que o contrato con Novo Alicerce SL continuase, como o deterioro da relación entre a contratista e as familia que levan ás súas crianzas ao PAI das Viñas ou a situación laboral das traballadoras, o Concello de Cabanas creu convinte non só resolver o contrato, senón tamén facelo de mutuo acordo.

“Con este acordo o Concello de Cabanas pon fin ao contrato de prestación de servizos adxudicado polo anterior goberno municipal á empresa Novo Alicerce SL”, sinalou Carlos Ladra, alcalde de Cabanas. “Facelo de mutuo acordo evitou a prolongación do problema no tempo”, concluíu.

A concelleira de servizos sociais, Diana Rodríguez, quixo “agradecer a paciencia das nais e pais das crianzas durante o tempo que durou a resolución do contrato”, xa que estas se viron afectadas polos incumprimentos do contrato por parte de Novo Alicerce SL, que motivou alteración de horarios e mesmo peches puntuais do servizo por non contar co persoal abondo para cumprir cos ratios esixidos pola lei.

O goberno municipal valora positivamente o inicio desta nova etapa para o PAI das Viñas cunha empresa ao fronte que conta con solvencia económica e acreditada experiencia no sector, ao tempo que lamenta a irresponsabilidade do Executivo anterior, que tendo coñecemento dos problemas con Novo Alicerce non iniciou ningún trámite para a resolución do contrato.

Antecedentes

Con data 04-10-2019 o Concello de Cabanas incoou expediente para a resolución de contrato de prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia (PAI) “As Viñas” coa empresa Novo Alicerce SL á vista dos incumprimentos da empresa.

O 31-10-2019 a empresa concesionaria, Novo Alicerce SL, formulou alegacións solicitando o arquivo do expediente por falta de tipicidade e acreditación dos feitos denunciados e, subsidiariamente, a apertura dun período probatorio con traslado da documentación na que se baseou a incoación.

Por resolución de 05-11-2019 acordouse, entre outros, a suspensión de prazo máximo para resolver ao abeiro do artigo 22.1 da LPACAP.

Por escrito de data 09-12-2019 Novo Alicerce SL solicitou a transformación do procedemento resolutorio de mutuo acordo.

Con todo, o Concello tivo que esperar ao mes de febreiro, xa cos Orzamentos aprobados definitivamente, para poder resolver o contrato coa empresa concesionaria, xa que en decembro, co peche do exercicio 2019 e unha limitación do gasto por non terse elaborado con anterioridade o Plan Económico Financeiro, malia ter sido requirido en 2017 e 2018, o goberno local non podía realizar ningunha contratación.

O feito de que xa en pleno mes de febreiro, e antes de sacar unha licitación urxente para emendar este conflito, fora modificada a Lei de Contratos, que permite ao Concello concatenar polo menos dous contratos menores para dar tempo á posibilidade de facer unha licitación viábel que garanta o servizo nos próximos anos, axudou a facilitar o proceso administrativo.

En consecuencia, con data 27-02-2020 resolveuse o seguinte:
Alzar a suspensión do procedemento acordado por resolución de 05-11-2019.
Resolver por mutuo acordo o contrato de prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia adxudicado á entidade Novo Alicerce SL mediante resolución de alcaldía de 09-04.2018 e formalizado o 27-04-2018.
Que os efectos de dita resolución serán desde a data en que comece a prestación do novo servizo polo novo contratista, con data 09-03-2020.

Share.

Comments are closed.