Inicio

Exposición na Escola Laica
  • Mércores, 19 Febreiro 2014

A partir de mañá, xoves 20 de febreiro, e ata o próximo día 3 de marzo, a Escola Laica de Cabanas será o escenario onde se exporá a exposición do VII Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez 2012, da Deputación da Coruña. Trátase este premio dunha das iniciativas levadas a cabo polo organismo provincial na súa liña de apoio á creación artístico, en concreto ó desenvolvemento da arte gráfica así como en recoñecemento da labor realizada pola fundación “Centro Internacional de la Estampa Contemporánea” de Betanzos e á ampla traxectoria do artista Jesús Nuñez, o seu fundador. Na exposición poderanse apreciar os gañadores das últimas edicións deste premio. O horario será de 11:00 a 13:00 horas de luns a venres.

 

Curso de Galego
  • Martes, 18 Febreiro 2014

Ó igual que xa se fixera o ano pasado, a Concellería de Cultura de Cabanas ten previsto organizar un curso de galego, en colaboración coa Xunta de Galicia. Nesta ocasión preténdese crear un grupo para impartir o curso de CELGA 4. O prazo para apuntarse no mesmo rematará o próximo venres 21 de febreiro, sendo preciso xuntar un grupo de vinte persoas para que sexa posible levar a cabo a actividade. O lugar onde se impartirá este curso, no caso de conseguir formar un grupo, sería na Escola Laica, estando pendente de saberse os horarios, realizándose nos meses de abril e maio. Os destinatarios serán persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran ó longo do ano 2014. Para poder recadar máis información teñen que poñerse en contacto coa Concellería de Cultura de Cabanas ou ben chamar ó 981 49 59 59 extensión 3 ou no correo electrónico cultura@cabanas.es.

Inicia a súa actividade o "Planet Club"
  • Venres, 31 Xaneiro 2014

Un ano máis, os Concellos de Cabanas e Pontedeume, xunto coa subvención da Consellería de Sanidade, poñen en marcha o proxecto “Planet Club”. Trátase este dun espazo de lecer xuvenil dirixidos a mozos e mozas con idades comprendidas entre os doce e os dezaoito anos. A primeira das sesións deste ano será este próximo sábado, 1 de febreiro, en horario de 18:00 a 22:00 horas na Casa da Xuventude de Pontedeume.

Búscase con este proxecto ofrecer a mocidade de ámbolos concellos dun lugar propio pensado para e por eles no que poderán gozar de todo tipo de actividades que sexan do seu interese. Búscase desta maneira implicar á mocidade na xestión do seu propio ocio nun proceso participativo que ofreza alternativas atractivas.

Desta forma, as tardes dos sábados estarán cheas de obradoiros de cociña, maquillaxe, gafitti ou manualidades entre outros. A música e os xogos tamén terán o seu espazo no “Planet Club” axudando a formar un ambiente distentido, divertido e saudable.

Teatro con perspectiva de xénero
  • Xoves, 30 Xaneiro 2014

O Concello de Cabanas vai levar a cabo este próximo venres pola mañá no I.E.S. Fragas do Eume unha nova actividade que se enmarca dentro do Programa Municipal de Promoción da Igualdade e que está sufragada pola Secretaría Xeral de Igualdade. Trátase da representación  “I’ll be watching you (hei estar vixiándote)” realizada polo grupo Chévere, que con esta obra segue a traballar e desenvolver o seu teatro con perspectiva de xénero. Esta actuación está dirixida ó alumnado que acode ó centro.

O argumento da obra xira en torno a dous personaxes, Yeni, a vocalista dunha orquestra de pachanga e Dami, o seu guitarrista, que veñen a ofrecer o típico repertorio versionando os éxitos do pop actual, supostamente neutral e apolítica. Entre tema e tema, Yeni introduce o relato da súa propia experiencia vital como muller, facendo participar ó público dunha nova e crítica lectura dos valores que transmiten as cancións que canta.

Trátase este dun proxecto pedagóxico, teatral, lúdico e musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa da música comercial de consumo masivo, buscando desta forma traballar e actuar na prevención da violencia de xénero e promover o pensamento crítico.
“I’ll be watching you” fala entón dos valores que moitas veces se agochan detrás das baladas románticas, cuestionando os estereotipos ríxidos de home e muller que non contemplan outras opcións, a cosificación da muller, os celos como proba de amor, a conivencia coa violencia e o sentimento de propiedade sobre outra persoa.

Aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal
  • Xoves, 30 Xaneiro 2014

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Cabanas aprobou onte de forma inicial o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que en breve pasará a estar a disposición pública para que os interesados o poidan revisar e presentar no caso de consideralo oportuno as alegacións que consideren oportunas. O documento pasará a ser público o próximo 27 de febreiro de 2014 e o prazo para a súa revisión será de dous meses, ate o 27 de abril. Os interesados en acceder ó documento poderano facer no Salón de Plenos do Concello Vello en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Ademais desta exposición pública, o Concello de Cabanas ten previsto levar a cabo unha serie de xuntanzas nos diferentes locais sociais do municipio para que deste xeito o equipo redactor do PXOM, a U.T.E. De Vega-Proyestegal, poidan explicalo e atender as dúbidas que se lles presenten. A primeira destas xuntas terá lugar no local da S.C.D.R. San Mamede de Laraxe o día 26 de febreiro. As seguintes serán na A.VV. de Lavandeira, o 27 de febreiro e no local do C.C.R.D. San Martín de Porto o 28 de febreiro. Tamén o local da A.VV. de Santa Cruz acollerá unha destas xuntanzas o día 7 de marzo e o propio salón de plenos do Concello será escenario de dúas delas, a primeira o 6 de marzo e a segunda o 15 de abril. O horario previsto para todas elas será as 20:30 horas.

Pero non só se levarán a cabo estas xuntanzas, senón que tamén o equipo redactor estará a disposición dos interesados para dar asistencia técnica. Os días 26, 27 e 28 de febreiro, o 6 e 7 de marzo e o 15 de abril no Salón de Plenos do Concello Vello o farán en horario de 10:00 a 14:00 horas e logo de 17:00 a 20:00 horas. Tamén estarán os días 11, 14, 18, 21, 25 e 28 de marzo e 1, 4, 8, 11, 21, 22, 23 e 24 de abril pero só en horario de 10:00 a 14:00 horas.

I Regata Amigable Concello de Cabanas
  • Martes, 28 Xaneiro 2014

A Praia da Madelana de Cabanas convertiuse durante este pasado domingo no centro de interese do kayak de Galicia. O Clube KDM xunto co propio Concello de Cabanas levaron a cabo a I Regata Amigable Concello de Cabanas. A proba, que deu comezo ás dez da mañá, serviu para concentrar no municipio a máis de cento vinte palistas procedentes de clubes de toda Galicia. Na entrega de premios, ademais do Alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, estivo tamén presente a Vicepresidente da Deputación da Coruña, Mariel Padín.

No tocante ós resultados, na categoría de kayak senior masculino o vencedor foi José Estévez, do Náutico Pontecesures, seguido no podium por Jesús Rodríguez do Fluvial O Barco e Adrián Carpe do Náutico de Miño. En categoría femenina a vencedora foi Laura Pérez do Náutico de Miño. En canoa senior o gañador foi o palista do Ría de Betanzos José David Mosquera. En Kayak Veterano A o gañador foi Adolgo Monteagudo de As Xuvias, sendo segundo Daniel Feijo e terceiro Ernesto Gancedo, ambos do Xuvenil. Nesta clase en categoría femenina a gañadora foi María del Carmen Bueno del Muros-Noia.
En Kayak Veterano B o vencedor foi Francisco Vázquez do Fluvial O Barco, segundo foi Alejandro Paredes de As Xuvias e Manuel Pedreira terceiro, tamén de As Xuvias. En categoría femenina a gañadora foi Maribel Prieto de As Xuvias.

Tamén do clubes As Xuvias foron Carlos Castro e Alejandro Pedreira, primeiro e segundo en Kayak Xuvenil masculino, sendo terceiro Miguel Blanco do Narón. No tocante a Kayak Cadete 1ª masculino o vencedor foi Víctor Álvarez do Cambados en en femenino Nerea López do KDM Cabanas. En 2ª o vencedor foi Miguel Ángel Pérez do Cambados e María Suárez do Muros-Noia mentres que en canoa o premio foi para José Sánchez do Ría de Betanzos.
En categoría Infantil A de kayak os gañadores foron Iván Fernandez do Ría de Betanzos e Tamara Fernández do Cambados, en Infantil B foron Roberto Piñeiro do Cambados e Antía Fernández do Betanzos e en canoa Mario Rey do Betanzos. En Alevín A proclamouse vencedor Jorge Suárez do Betanzos e Antía Casanova do Náutico de Miño, en Alevín B foron Roberto Piñeiro do Cambados e Antía Fernández do Betanzos. Xa para rematar, en categoría Benxamín os gañadores foron Joel Fernández do KDM Cabanas e Celia Durán do Xuvenil.

Campaña de Esquí 2014
  • Martes, 21 Xaneiro 2014

O prazo para a preinscrición na Campaña de Esquí que a Deputación da Coruña vai levar a cabo este ano xa está aberta. Por medio deste programa facilitarase que nenos e nenas de toda a provincia nados entre os anos 2000 e 2003 teñan a posibilidade de practicar este deporte na estación invernal de San Isidro, en León. Este prazo de preinscrición rematará o día 28 de xaneiro. Os participantes do Concello de Cabanas está previsto que tomen parte na actividade na primeira quenda, entre o 14 e o 16 de febreiro.

Cada participante deberá aboar unha cota única de 36 euros, facéndose cargo a Deputación da Coruña do resto dos gastos nos que se inclúe o aloxamento e manutención así como os cursos de esquí. No caso de que o número de solicitantes supere as prazas das que disporá o Concello de Cabanas, estas asignaranse por medio dun sorteo público.

Para formalizar a preinscrición os interesados poden dirixirse ó departamento de Cultura e Deportes do concello de Cabanas, ou ben recadar máis información, ben a través do teléfono 981 49 59 59 ben no correo electrónico cultura@cabanas.es

Páxinas