Cabanas confirma o primeiro caso por coronavirus COVID-19

Esta mañá as autoridades sanitarias comunicaron ao Concello de Cabanas o primeiro caso positivo por coronavirus COVID-19 no noso municipio.

Dentro das competencias municipais, o Concello de Cabanas está a levar a cabo tarefas especiais de limpeza e desinfección en zonas de tránsito de persoas, así como tamén nos arredores dos establecementos que permanecen abertos durante a duración do estado de alarma. Estes traballos estanos a facer persoal municipal, cos correspondentes EPIs, e maquinaria industrial alugada especificamente para facer fronte a esta crise.

Así mesmo, o Concello de Cabanas tamén implementou o teletraballo para todo o persoal non esencial e puxo en marcha un servizo para achegar alimentos e medicinas a aquelas persoas con dificultades para achegarse a facer as súas compras durante o período de confinamento.

Desde o goberno municipal faise un chamamento a cumprir coas recomendacións sanitarias para evitar a propagación do coronavirus, e lémbrase o decálogo elaborado polo SERGAS sobre como actuar en caso de ter os síntomas (tose, febre e dificultade para respirar).

  1. Auto-illarse: Nunha habitación de uso individual con fiestra, mantendo a porta pechada e, se é posible, con baño individual. Se non é posible: manter a distancia de seguridade de 2 metros co resto de persoas que convivan na casa e extremar as medidas de hixiene.
  2. Manterse en comunicación: convén ter un teléfono á man para informar das necesidades que poidas ter e manter a comunicación cos teus seres queirdos.
  3. Sensación de gravidade: Se tes sensación de falta de aire ou te encontras moi mal, chama ao centro de saúde ou ao 900 400 116.
  4. Autocoidados: Usa paracetamol para controlar a febre, pon panos fríos na fronte ou toma unha ducha tépeda para axudar a controlar a temperatura. Bebe líquidos, descansa pero móvete de cando en vez.
  5. Hábitos saudables: Mantén un horario de descanso axeitado e leva a cabo unha alimentación saudable consumindo froitas e verduras
  6. Illamento domiciliario: Agora que xa tes feito o máis inmediato, revisa e aplica as medidas de illamento que debes adoptar na casa. Hai dúas cuestións que debes ter en conta: as propias medidas de illamento e tamén como manexar os resíduos que xeres.
  7. Lavado de mans: Asegúrate que na casa todas e todos coñecen como facer un correcto lavado de mans. Na web coronavirus.sergas.es tes un vídeo sobre como facelo.
  8. Se empeoras: Se tes moita dificultade para respirar ou non controlas a febre, chama ao 061.
  9. 14 días: Debes manter o illamento 14 días desde o inicio dos síntomas. Se despois deste tempo segues con síntomas, chama ao Centro de Saúde
  10. Alta: O seguimento e a alta serán supervisados polo teu médico de Atención Primaria.