Cabanas inicia as labores de desinfección nas áreas de maior afluencia de poboación

O Concello de Cabanas vén de anunciar a posta en marcha dun programa de desinfección en todos os edificios de maior afluencia de poboación dentro do termo municipal.
 
Ademais das instalacións de servizos, como a propia Casa do Concello ou o Centro de Saúde, estes traballos de desinfección tamén se levarán a cabo nos establecementos comerciais que permanecen abertos durante o estado de alarma (farmacia, estancos, supermercados, panaderías...), así como en mobiliario urbano, como as marquesinas.
 
Servizo de asistencia e teletraballo
 
Estas novas medidas súmanse ás impulsadas polo goberno local con anterioridade, como a paralización da actividade e peche de todas as infraestruturas locais (parques, espazos deportivos...). De feito, desde o luns 16 de marzo o Concello de Cabanas traballa con servizos mínimos, e coa meirande parte dos seus traballadores levando a cabo as súas tarefas mediante teletraballo.
 
Así mesmo, a semana pasada tamén se puxo en marcha un servizo de asistencia a domicilio, a través do cal aquelas persoas que non poidan desprazarse para facer as súas compras de alimentación ou medicinas poden solicitar a colaboración do concello nos números 674 258 970 ou 687 048 928.