Cabanas aproba os Orzamentos municipais para 2020

O Concello de Cabanas aprobou o pasado sábado en sesión plenaria extraordinaria os Orzamentos municipais para 2020, uns orzamentos axustados á realidade nos que destaca a aposta do goberno polo ámbito social.
 
No apartado de ingresos cabe destacar o axuste para adaptalos á realidade, tomando como referencias a execución e a previsión do 2019, a liquidación do orzamento de 2018 e o censo actualizado para o cobro de impostos e taxas.
 
Tamén se regulariza o cobro de taxas, onde se atoparon importantes desaxustes no cobro das mesmas, e os gastos correntes financiados polo POS 2020, con 55.037,61 €, e os 100.958,64 € cos que se financiarán as obras aprobadas no POS 2020 e POS Complementario, que inclúen a reparación dos camiños municipais de Barreiras, Travesía da Barrosa e Lavandeira a Xicos.
 
Nos gastos cómpre pór o foco no incremento en gasto social, cun notábel aumento da partida de Emerxencia Social, que pasa dos 4.000 aos 10.000 €, e as Axudas a Estudos, que sube dos 2.000 aos 10.000 euros. 
 
En Igualdade, Muller, LGTBI e Conciliación Familiar pásase de 20.000 a 35.000 €; en Dependencia de 190.000 a 200.000 € e en mocidade de 3.000 a 6.000 €.
 
Tamén é importante o incremento para a loita contra a vespa velutina e outras pragas, que pasa dos 600 aos 2.000 €, en políticas de mellora enerxética, de 1.000 a 7.000 €, e en melloras de parques infantís, que tamén pasa de 1.000 a 7.000 €. Para a actualización do equipamento informático do persoal municipal consígnanse 4.000 € máis que en anos anteriores.
 
En Deportes pásase de 40.000 a 50.000 € para facer fronte a diferentes eventos deportivos que terán lugar no 2020, e no apartado de subvencións a entidades locais temos un incremento de 5.000 €, 3.000 € máis para convenios e 2.000 € para subvencións a entidades locais.
 
“Estes Orzamentos foron deseñados para adaptarse á realidade económica do concello”, sinalaron desde o goberno municipal, formado por PSOE, BNG e AEC, quen destacaron “a vontade de acordo para facer uns orzamentos que mellorarán a calidade de vida da veciñanza de Cabanas”.