Declaración Institucional do Concello de Cabanas con motivo do 25N

Hoxe, 25 de novembro, celebramos o Día cotnra a Violencia Machista. Dentro da programación que preparamos no Concello de Cabanas está previsto que hoxe a partir das 16.30h se leve a cabo o pintado do Banco contra a Violencias Machistas no Paseo da Madalena e unha batucada feminista reivindicativa.

Ademais, compartimos a Declaración Institucional do Concello de Cabanas con motivo do 25N.

Cada 25 de novembro os titulares, os minutos de silencio e as declaracións institucionais lembran a vixencia da violencia machista e do sistema patriarcal. Así mesmo, o feminismo galego volta saír á rúa como cada vez que somos asasinadas ou agredidas.

A violencia machista exercida contra as mulleres é un problema de primeira orde, contrario aos dereitos humanos e que a escala mundial representa un auténtico xenocidio e diante do que os titulares, minutos de silencio e declaracións institucionais de cada 25 de novembro son insuficientes.

Historicamente a violencia ten sido minimizada, ocultada e invisibilizada e os avances que temos dado responden á capacidade transformadora do feminismo e dos movementos de mulleres en Galiza e no resto do mundo. Nos últimos anos asistimos a mobilizacións históricas en Galiza que dan cumprida conta da fartura diante dunha situación que é insostíbel. Nos últimos anos as respostas aos feminicidios que impulsa o feminismo galego teñen aumentado en número de convocatorias e en asistencia. Así mesmo, asistimos a dúas folgas históricas no 8 de marzo de 2018 e 2019 que superaron toda expectativa.

Se ben é certo que temos dado pasos adiante como sociedade na visibilización da violencia machista, fica moito por facer. É clave aumentar os recursos dispoñíbeis e é clave tamén visibilizar todo tipo de violencias machistas.

Un dos debates que o feminismo ten conseguido colocar na axenda pública é o da violencia sexual. Movementos como o #PrimAcoso ou o #MeeToo así como a resposta a casos como o da Manada marcaron un antes e un despois na conciencia colectiva, e deben marcar un antes e un despois tamén na resposta das administracións públicas.

É preciso recoñecer a importancia e gravidade das violacións e agresións sexuais na nosa sociedade e a insuficiencia nos recursos de intervención e atención. Segundo datos do propio Consello Xeral do Poder Xudicial hai un 80% de feitos delitivos que non se denuncian. Malia isto, as denuncias teñen experimentado un incremento das agresións e as persoas expertas da cadea xudicial e de atención alertan ademais dun incremento na súa brutalidade.

Así mesmo, a Fiscalía Xeral do Estado ten alertado nas súas recentes edicións da Memoria Anual sobre o aumento da violencia e os delitos de natureza sexual entre as persoas máis novas e relaciónao directamente coa preeminencia da pornografía nas redes sociais e como forma de educación e socialización sexual.

Galiza está dotada dun amplo marco legal que inclúe a violencia sexual como unha forma de violencia machista desde o ano 2007. Porén, consideramos que as Administracións deben facer un maior esforzo por desenvolver este marco e por adaptar os recursos a todo tipo de violencia. Así mesmo, cómpre recordar que o Estado español ten o compromiso de cumprir o Convenio de Istambul e tamén o propio Pacto de Estado, no  que se comprometeu a avanzar nunha definición da violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista que a limita ao ámbito familiar e da parella.

É por iso que o Concello de Cabanas, no seu afán por avanzar nesta materia, reafirma hoxe o seu compromiso contra a violencia machista, e se compromete a:

  • Denunciar que a precarización do traballo das mulleres é violencia machista. As mulleres padecen unha maior temporalidade e salarios miserentos por baixo do SMI, ao tempo que se ven obrigadas a realizar tarefas para as cales non foron contratadas e sen dispor dos correspondentes EPIs, e sofren acoso sexual e laboral por razóns de sexo en moitos centros de traballo.
  • Demandar da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero no proxecto de Orzamentos de 2020, para situalos nun mínimo do 1% do total, e así ddotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención integral da violencia de xénero.
  • - Demandar da Xunta de Galiza a mellora da atención e prevención da violencia machista e, particularmente, da violencia sexual. Para ilo, garantirase a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual por ser vítimas de violencia machista; promoverase un programa específico de formación en materia de violencia sexual para todos os ámbitos profesionais que traballan na prevención e atención da violencia machista (sanitarios, policiais, administrativos, educativos....); desenvolverase un protocolo específico de atención á violencia sexual e se impulsarán iniciativas no campo da prevención e sensibilización da mocidade.
  • Demandar do Goberno do Estado a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento por violación e das agresión sexuais; o impulso á aplicación da directriz do artigo 36 do Convenio de Istambul, que estipula que as autoridades deben adoptar todas as medidas necesarias para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre coma un delito; a modificación da definición estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fixo a lei galega no ano 2007; o desenvolvemento das actuacións legais de organización necesarias para que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados exclusivos de violencia machista, e a transferencia a Galiza dos recursos orzamentarios necesarios para esta adaptación.

Cabanas, 25 de novembro de 2019.