Cabanas pecha agosto cun incremento de case o 70% no número de visitantes

Unha vez rematados os meses centrais do verán, a Oficina de Información Turística de Cabanas vén de facer un balance do número de visitantes que pasaron polas súas dependencias durante este período. A este respecto, cabe destacar que en agosto rexistráronse un total de 2102 turistas o que supón un incremento do 69,93 % respecto a un mes de xullo que, finalmente, pechou cun total de 1237 persoas atendidas. Trátase dun dato que ven a sinalar unha tendencia ascendente do número de visitantes que recalan no noso concello.

Indo máis polo miúdo, as cifras amosan que un 54,36 % das persoas que acoden á Oficina de Turismo son peregrinos que están a realizar a ruta xacobea cara a Santiago de Compostela pola varíante do Camiño Inglés que parte dende Ferrol. Así, as que chegan a través desta vía representan un perfil de turista que, maioritariamente, se caracteriza polas estancias breves (1 día) e que, no caso concreto de Cabanas, opta por aloxarse, nunha porcentaxe do 24,69 %, no albergue municipal do veciño concello de Pontedeume.

Así mesmo, outro elemento importante que se vén a confirmar é o papel hexemónico que ocupa o turismo nacional fronte ao estranxeiro. Tanto é así que, pese ao aumento experimentado ao longo do mes de agosto dos visitantes foráneos, o turista interno segue a representar un 74,41 % do total case igualando, por pouco, o rexistro anterior onde a súa porcentaxe ascendía a un 79,2%. Pero é que, ademais, dentro deste grupo hai que destacar o gran peso que teñen os madrileños (25,38 %), os andaluces (14,32 %), os galegos (12,79 %) e os cataláns (9,85 %) con respecto ás persoas procedentes doutras Comunidades Autónomas.

No lado oposto, a principal nacionalidade dos estranxeiros que visitaron Cabanas neste tempo é a italiana (285 persoas) seguida , a moita distancia, da portuguesa (45), a alemá (43), a francesa (22) e a estadounidense (17). Case todos eles pasan por Cabanas a través do Camiño a Santiago e, polo xeral, demandan información sobre o trazado da vía xacobea, os albergues públicos ou os aloxamentos próximos ao camiño.

Por outra banda, as estatísticas tamén permiten afirmar que, no tocante ao tipo de aloxamentos, os albergues, os hoteis, os hostais e as pensións preséntanse como os establecementos que contan cunha maior demanda. Dentro deste escenario, e no que respecta á nosa localidade, débese remarcar que os turistas permaneceron en Cabanas unha media de 7,045 días.

Finalmente, unha mención especial merecen, polo seu destacado número, aqueles que apostan pola autocaravana como medio combinado de transporte e de aloxamento. O máis habitual é que se trate de familias ou xubilados que non teñen problemas para prolongar a súa estadía en función do interese que lles desperte a zona atendendo á información que se lles achege sobre lugares que visitar na contorna.