O Servizo de Socorrismo de Cabanas atendeu preto de cen incidencias no mes de xullo

O Servizo de Socorrismo do Concello de Cabanas atendeu un total de 94 incidencias durante o pasado mes de xullo, das que 6 foron consideradas como graves, 41 leves, 34 moi leves e 13 sen importancia.

Das seis incidencias máis graves, catro foron solucionadas polo persoal do Servizo de Socorrismo na mesma praia, mentres que en dous casos foi preciso requerir dunha ambulancia para trasladar aos doentes a centros médicos por golpes de calor.

Entre as causas máis comúns das incidencias están as picaduras de escarapote, as picaduras de insectos e os cortes sufridos tanto no areal como no piñeiral. Ademais, desde o Servizo de Socorrismo transmítense incidencias de maneira moi continuada co problema de embarcacións de lecer (kaiaks e táboas) dentro da zona de boias, así como tamén a falta de regulación da zona fóra das boias para o tránsito de embarcacións e pedaletas.

O Servizo de Socorrismo funciona na Praia da Madalena desde o pasado 1 de xullo, e conta cun total de catro traballadores repartidos en quendas de dous socorristas de luns a xoves e tres socorristas de venres a domingo, en todos os casos con horario de 12 a 20 horas.