A Oficina de Información Turística de Cabanas atendeu a máis de 900 turistas durante o mes de xullo

A Oficina de Información Turística (OIT) do Concello de Cabanas vén de elaborar o seu informe da actividade realizada durante o mes de xullo. Dito informe reflicte o perfil das persoas que fixeron uso deste servizo municipal durante este período.

En primeiro lugar cabe salientar o destacado volume de persoas atendidas, que ascende a 923. O perfil das persoas que visitaron o concello neste mes de xullo indica que un 59% foron peregrinos, dos cales un 33% se aloxou en albergues, concretamente, no albergue de Pontedeume nun 71% dos casos.

O 31% dos turistas que nos visitaron eran estranxeiros, procedentes de países como Italia, Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña. Dos visitantes do estado, a maioría procederon de Madrid, Zaragoza, Castela e León, Andalucía e outros puntos de Galicia.

O principal motivo para acudir á Oficina de Información Turística foi no 52% dos casos a solicitude de información vinculada aos camiños de Santiago, e nunha porcentaxe do 31% información sobre o xeodestino Ferrolterra (gastronomía, roteiros, praias, etc).

A Oficina de Información Turística do Concello de Cabanas, atendida por persoal técnico especializado na materia, está a funcionar de luns a venres de 10.00 a 18.00h, e sábados, domingos e festivos de 10.00 a 14.30h e de 15.30 a 18.00h.