Cabanas lanza a campaña #CabanasDiversa para celebrar o Día do Orgullo LGTB

O Concello de Cabanas vén de presentar a campaña #CabanasDiversa, unha iniciativa que comprende toda unha serie de actividades para celebrar o Día Internacional do Orgullo LGTB, que se celebra o próximo 28 de xuño.

O propio venres 28 de xuño a equipa de mediación do IES Fraga do Eume do Programa Municipal de Acción social, xunto co Grupo Local de Representantes da Adolescencia do Concello de Cabanas, pintarán un muro do Punto de Atención á Infancia (PAI) das Viñas coa imaxe que elas mesmas deseñaron para a campaña.

Así mesmo, un banco do paseo da Madalena será pintado coas cores da bandeira LGTB e se repartirán chapas conmemorativas co obxectivo de visibilizar que Cabanas é un concello que respecta e acolle a diversidade de orientación sexual e identidade de xénero.