Verán en Cabanas

Sen definir

Seguindo coa liña de colaboración existente entre os concellos de Cabanas e Pontedeume, este próximo venres día 6 de xullo dará inicio unha nova actividade enmarcada dentro do Programa Municipal para a intervención social coa mocidade “Saída 21”, financiado pola Deputación da Coruña. A actividade que este venres empeza chámase “VERÁN EN CABANAS”.

Desta forma, todos os venres durante os meses de xullo e agosto, a partir das 20:00 horas e no apeadoiro de Cabanas terán lugar unha serie de actividades coas que se busca entre outros obxectivos intervir socioeducativamente coa mocidade en xeral, ofrecer actividades atractivas e motivadoras para a máxima participación e implicación así como educar en valores como a sociabilidade, a solidariedade ou os hábitos saudables. Desta forma, dentro das actividades que está previso que se leven a cabo neste “VERÁN EN CABANAS” haberá obradoiros de cociña e de complementos, de música con DJ’s, diferentes campionatos así como xogos na praia.

A realidade xuvenil heteroxénea entre as mocidades dos concellos de Cabanas e Pontedeume foi o que levou a estas dúas administracións a propoñerse xuntar recursos nunha intervención axeitada a realidade que comparten. Foi deste esforzo común de onde xurde “Saída 21”, proxecto que recolle o nome da saída da autopista que comparten ambos concellos, e onde se integran os distintos programas e campañas dirixidas á mocidade que se levan a cabo dende ámbolos concellos, como é o caso desta actividade “VERÁN EN CABANAS”.

Aquelas persoas que estivesen interesadas en participar nesta actividade ou que desexen recadar máis información poden facelo dirixíndose ós Servizos Sociais do Concello de Cabanas, ou ben chamando ó 981 49 59 59 ou ben por correo electrónico na dirección servizos.sociais@cabanas.dicoruna.es