Últimos días para anotarse na Ruta da Auga

Galego

Cabanas, 15 de maio de 2019. O Concello de Cabanas lembra que este xoves, 16 de maio, pecharase o prazo para anotarse na Ruta da Auga, incluída no calendario de rutas de sendeirismo que organiza a Concellería de Deportes cada mes para dar a coñecer o rico patrimonio natural, etnográfico e arquitectónico do municipio.

Así, as persoas interesadas en tomar parte na iniciativa, completamente gratuíta, poden anotarse na Concellería de Deportes –pranta baixa da consistorial, enviando un correo ao enderezo cultura@cabanas.gal ou no teléfono 981 49 59 59 extensión 3-.

Este sábado 18 de maio, ás 10 h, o punto de quedada será a oficina de turismo. Dende aí, os camiñantes irán cara o piñeiral para continuar polos cantís e, dende aí, seguir os pasos do río Ventín descubrindo os muíños ao seu paso. De 8 quilómetros e dúas horas e cuarto de duración estimada, recibe este nome porque case a metade do itinerario -3,4 kms- se realiza bordeando a canle do río e, dende a parte máis elevada do trazado, pódese gozar da visión do mar.

Aínda así, a ruta tamén podería coñecerse como a dos muíños, dado que no curso do río, só na marxe do Concello de Cabanas, hai catalogados 34, algún deles, iso si, en estado ruinoso.

Tags: