Xornada de limpeza veciñal este domingo na praia e piñeiral da Madalena

Galego

Dado o interese xerado, o Concello de Cabanas decidiu abrir a iniciativa a todo o mundo, sen necesidade de inscrición previa

Cabanas, 10 de maio de 2019. Veciños e veciñas, nenos e maiores, teñen unha cita este domingo 12 de maio na contorna do piñeiral e praia da Madalena. Na caseta de socorrismo do areal, ás 9 horas, está prevista a concentración das persoas que desexen tomar parte na xornada de limpeza organizada pola Concellería de Servizos do Concello de Cabanas. Unha iniciativa que a Administración local levará a cabo por segundo ano consecutivo e para a que abría prazo de inscrición en datas pasadas co ánimo de ter unha previsión de participación. Dado o interese xerado, o Concello avanzaba esta mañá que as persoas que desexen tomar parte poderán axudar, con independencia da inscrición previa.

Todos eles crearán unha cuadrilla veciñal para limpar un ben colectivo como é este espazo natural singular. Unha iniciativa que o Foro Local da Infancia planteaba como necesaria no marco das propostas a realizar no municipio. Así, non sería de estranar unha alta participación da mocidade e infancia na actividade. Iso si, os/as menores de idade deberán ir acompañados/as dunha persoa adulta.

Recibirán o material preciso para realizar o seu labor –guantes e bolsas- e repartiranse as tarefas.