“Memoria dun Século” despídese da parroquia de San Martiño do Porto

Galego

As persoas participantes compartiron a “Merenda da Memoria”, elaborada coas receitas que levan facendo toda a vida e lles evocan os seus recordos

Cabanas, 08 de maio de 2019. Cunha “Merenda da Memoria”, despedíase este ano o programa municipal “Memoria dun Século” da parroquia de San Martiño de Porto, onde se celebrou ao longo de seis sesións. Un programa co que se creou un espazo onde as persoas maiores puideron exercitar e reelaborar as súas memorias persoais ao tempo que traballaron e articularon un relato colectivo do lugar.

Ademais de facer unha valoración xeral das historias contadas ao longo deste obradoiro, así como das lembranzas e emocións sentidas polas persoas participantes, onte á tarde, na sesión final, compartiron unha pequena merenda preparada polas propias participantes a partir das receitas que levan facendo toda a vida e que lles evocan recordos da súa vida.

O obradoiro “Memoria dun Século” xa pasou pola parroquia de Soaserra e está a piques de editarse o libro que recolle tódalas aportacións das persoas participantes sobre as súas vivencias históricas nela. De seguido, iniciarase a redacción da seguinte publicación, correspondente á parroquia de San Martiño, tamén coa intención de proceder á súa publicación.