O Concello organiza unha xornada de limpeza veciñal na praia e piñeiral

Galego

Fai un chamamento á cidadanía para sumarse a esta acción medio ambiental colectiva, que se celebrará este domingo pola mañá

Cabanas, 07 de maio de 2019. Por segundo ano consecutivo, o Concello de Cabanas, a través das Concellerías de Servizos e Servizos Sociais, organizará este domingo, 12 de maio, unha xornada de limpeza no entorno da praia e piñeiral da Madalena na que busca implicar activamente á cidadanía. Por iso, fai un chamamento á colaboración veciñal coa misión de que se una á cuadrilla especial que se creará para limpar un ben colectivo como é este espazo natural singular. A campaña especial estará coordinada polos responsables municipais e nela colaborarán os membros de Protección Civil. Para tomar parte na mesma, é preciso anotarse previamente no Concello (de forma presencial ou no teléfono 981 49 59 59).

A convocatoria está prevista para este domingo ás 9 horas na caseta de socorrismo da praia da Madalena. Poden participar veciños e veciñas a partir de dez anos, aínda que no caso dos menores é preciso que vaian acompañados dunha persoa adulta. Neste punto, facilitarase o material preciso –guantes e bolsas- e repartiranse as tarefas.

A iniciativa dá resposta a unha das propostas planteadas no marco do Foro da Infancia, no que rapaces e rapazas demandaron accións de voluntariado para a conservación do medio ambiente.

Por último, o Concello fai un chamamento á participación nesta acción colectiva a favor do medio ambiente.