O Concello invita a veciños e visitantes a descubrir en maio a Ruta da Auga

Galego

A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición na actividade

Celebrarase o sábado 18 cun percorrido que inclúe 3,4 kms pola beira do río Ventín e o paso por ata 34 muíños catalogados

Cabanas, 3 de maio de 2019. O Concello de Cabanas propón a veciños e visitantes descubrir ou redescubrir a Ruta da Auga. Será no marco do calendario de rutas de sendeirismo que organiza a Concellería de Deportes cada mes para dar a coñecer o rico patrimonio natural, etnográfico e arquitectónico do municipio. Así, as persoas interesadas en tomar parte na iniciativa, completamente gratuíta, poden anotarse xa na Concellería de Deportes –pranta baixa da consistorial, enviando un correo ao enderezo cultura@cabanas.gal ou no teléfono 981 49 59 59 extensión 3-.

O sábado 18 de maio, ás 10 h, o punto de quedada será a oficina de turismo. Dende aí, os camiñantes irán cara o piñeiral para continuar polos cantís e, dende aí, seguir os pasos do río Ventín descubrindo os muíños ao seu paso. De 8 quilómetros e dúas horas e cuarto de duración estimada, recibe este nome porque case a metade do itinerario -3,4 kms- se realiza bordeando a canle do río e, dende a parte máis elevada do trazado, pódese gozar da visión do mar.

Aínda así, a ruta tamén podería coñecerse como a dos muíños, dado que no curso do río, só na marxe do Concello de Cabanas, hai catalogados 34, algún deles, iso si, en estado ruinoso.

Tags: