A mocidade de Cabanas dará a coñecer as súas propostas “imprescindibles” de cara á vindeira cita electoral

Galego

Será no segundo Foro Local de Infancia e Adolescencia que terá lugar este mércores ás 18 horas e ao que se convida a asistir á cidadanía

Cabanas, 22 de abril de 2019. O Concello de Cabanas coa implicación da comunidade continúa traballando no I Plan Local de Infancia e Adolescencia (PMIA) e, con ese obxectivo, vén de convocar o segundo Foro Local de Infancia e Adolescencia. Celebrarase este mércores a partir das 18 horas no salón de plenos da casa consistorial.

Neste foro, o grupo de representantes da infancia e adolescencia, formado por rapaces e rapazas do Concello, dará a coñecer o seu último traballo, denominado “As imprescindibles”. Segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais, Elena Arias, a mocidade trasladará, coa vista posta nas vindeiras municipais, cales deberían ser as propostas imprescindibles de calquera programa político. Estas propostas abranguen diferentes eidos: social, educativo, cultural, ambiental, de servizos ...

Polo tanto, dende o Concello faise un chamamento á participación de todos aqueles sectores, grupos e entidades que traballan ou ocupan parte do seu tempo en calquera tema relacionado co benestar das nenas e nenas, así como da mocidade.

Por último, lémbrase que o Foro pretende ser un espazo de participación no que a infancia e a adolescencia de Cabanas poida expresar as súas perspectivas, necesidades e demandas para ser escoitados pola sociedade, creando un concello máis integrador e cohesivo.