O Concello conmemorará o Día do Libro agasallando á veciñanza con 200 exemplares

Galego

A edil de Cultura, Elena Arias, explica que deste xeito o Concello súmase á campaña da Deputación “Libros para Sermos Libres”

Cabanas, 17 de abril de 2019. O Concello de Cabanas, a través da Concellería de Cultura, informa á veciñanza de que o martes 23 de abril, coa conmemoración do Día do Libro, levará a cabo a campaña Libros para Sermos Libres, campaña promovida pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, comezada hai dous anos.

Así, o martes, a partir das 11 horas, distribuiranse os 200 exemplares que enviaron desde a institución provincial entre todas aquelas persoas interesadas e que se acheguen ata a concellería (pranta baixa da casa consistorial). Entre os volumes hai libros de poesía, de prosa, de teatro e de ensaio, dirixidos a diferentes públicos (maioritariamente para xente adulta).

Desde a Concellería de Cultura, a súa titular, Elena Arias, confía en que esta iniciativa sexa ben acollida e se poida realizar o reparto total dos devanditos exemplares.

Deste xeito, coa súa distribución gratuíta búscase fomentar e consolidar o hábito de lectura. O libro, vehículo da lectura, constitúe unha ferramenta imprescindible para transmitir o conxunto de saberes humanos, para dotar á cidadanía dos recursos necesarios para o seu desenvolvemento persoal, así como para estimular a súa imaxinación e incrementar a súa capacidade de reflexión, comprensión e crítica; en suma, para ser máis libres.

@daccultura #librosparasermoslibre

Tags: 
Archivo: