O Concello de Cabanas abre a inscrición para participar na ruta Irís-Valedoso

Galego

Terá lugar o sábado 27 de abril, guiada e gratuíta

Cabanas, 16 de abril de 2019. O Concello de Cabanas vén de abrir o prazo de inscrición para tomar parte nunha nova ruta de sendeirismo. Nesta ocasión, celebrarase o sábado 27 de abril e cubrirá os lugares de Irís e Valedoso. Aínda que é gratuíta, precísase de inscrición previa e debe formalizarse, antes do día 25, no departamento municipal de Deportes (cultura@cabanas.gal; teléfono 981 49 59 59 ext 3 ou de forma presencial na pranta baixa da casa consistorial).

A ruta arrancará da igrexa de Santo Estevo de Irís ás 9,30 horas, aínda que para facilitar a asistencia daquelas persoas que descoñezan o lugar tamén se prevé unha quedada na casa do Concello ás 9,15 horas.

A ruta é de dificultade moderada, cubrirá un tramo de 14 kms de lonxitude (7 de ida e 7 de volta) e permitirá descubrir o entorno natural de Valedoso e Irís. Dende o templo iniciarse un desnivel a través das Fragas ata a parroquia de Santa Cruz, no parque natural.

A ruta está sinalizada e foi creada polo Concello e homologada a través das axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos no eido dos parques naturais de Galicia, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

 

Tags: