Arranca este venres o “Tapeando Cabanas”

Galego

Organizado por Concello e hostalería local, celebrarase durante toda a fin de semana e retomarase a próxima, coas mellores tapas ao prezo de 1,50 euros

Cabanas, 28 de marzo de 2019. A Lareira, Fragas do Eume, La Encina, o local Social de San Martiño e o Local Social de Laraxe, así como Yellow ofrecerán as súas mellores propostas culinarias en formato tapa a partir de mañá venres, e durante sábado e domingo (os dous primeiros días en horario de 12,30 a 14,30 e de 20,30 a 22,30 horas e, o domingo, de 12,30 a 14,30 horas). Son os locais participantes na nova edición do “Tapeando Cabanas” que organiza a Concellería de Turismo que dirixe Elena Arias en colaboración cos establecementos locais.

Un reclamo, o gastronómico, co que atraer a veciños e visitantes a Cabanas. O certame reeditarase a vindeira fin de semana e o prezo das tapas é único, de 1,50 euros.

Unha vez máis, os clientes serán os encargados de elixir o mellor pincho e, para isto, deberán cubrir una papeleta co seu nome e elección. O gañador recibirá unha placa e un diploma conmemorativo. Ademais, tamén haberá importantes premios para as persoas que proben as tapas. Así, os que selen nun mínimo de cinco establecementos entrarán no sorteo de obsequios donados polos propios locais, namentras que aqueles que completen a ruta poderán acceder ao sorteo dos agasallos que cede o Concello: unha estancia nun balneario para dúas persoas e dúas entradas para asistir a un espectáculo cultural.

Nesta liña, Elena Arias confía en reeditar e incluso mellorar a afluencia de clientes á hostalería de Cabanas e anima a veciños e turistas a tapear polo municipio e disfrutar do mesmo.

Tags: