O Concello abre a inscrición no obradoiro gratuíto para maiores Memoria dun Século

Galego

Celebrarase no local social de San Martiño, a partir do vindeiro martes

Cabanas, 20 de marzo de 2019. Co ánimo de xerar un espazo periódico onde as persoas maiores exerciten e reelaboren as súas memorias persoais ao tempo que traballan e articulan un relato colectivo do lugar, o Concello porá en marcha o obradoiro Memoria dun Século na parroquia de San Martiño do Porto. Está dirixido ás persoas maiores do municipio e a participación é gratuíta. Pode formalizarse dende xa chamando ó teléfono 981 49 59 59 (ext. 6 ou 2) ou no correo servizos.sociais@cabanas.gal.

O programa arrancará o 26 de marzo no local social de San Martiño, en horario de 17 a 18,30 horas. Continuará no mesmo horario os martes 2, 9, 16, 23 e 30 de abril e, nas sesións, o grupo xerará un relato común da historia da parroquia de San Martiño e o concello de Cabanas, visibilizando as voces que adoitan pasar desapercibidas na historia oficial.

Por último realizarase unha sesión final de celebración e devolución, na que agradecer o papel que cumpren na comunidade as persoas maiores e compartir os coñecementos que se foron tecendo.

Image: