Rocío Chouciño Sánchez recibiu este domingo a homenaxe de Cabanas no Xantar Solidario do Día da Muller

Galego

Unhas 150 persoas asistiron á cita no local social da SCRYD San Mamede de Laraxe

Cabanas, 11 de marzo de 2019. Unhas 150 persoas asistiron onte ao Xantar Solidario que o Concello de Cabanas organizaba para conmemorar o Día da Muller. Tivo lugar no local social da SCRYD San Mamede de Laraxe e arrancaba sobre as 14 horas.

A cita servía, como é tradición, para rendir homenaxe ás mulleres traballadoras do municipio, representadas por unha das súas veciñas, que este ano foi Rocío Chouciño Sánchez. Traballadora incansable dentro e fóra da súa casa, dela destacan a súa capacidade de sacrificio, superación e, sobre todo, a súa xenerosidade e implicación. Comezou a súa vida laboral no Hotel Sarga de Cabanas e, durante os últimos 30 anos, exerceu como cociñeira no Mesón de Cabanas. A día de hoxe, e xa xubilada, colabora activamente coas entidades do municipio e, nomeadamente, co Club KDM Cabanas.

Así mesmo, o evento tivo un marcado carácter solidario, xa que os asistentes puideron entregar alimentos non perecedoiros que irán destinados ao Banco de Alimentos de Cabanas. Ademais, os beneficios xerados coa entrada se reservarán para a adquisición de produtos técnicos cos que a Concellería de Servizos Sociais cubrirá as necesidades daquelas familias con menos recursos que así o precisen.

O xantar concluía co baile coa música en directo do grupo Maracuyá.

Image: