Manuel González toma posesión como alcalde de Cabanas

Galego

Ata o momento, exercía de primeiro tenente alcalde e concelleiro de Obras

Cabanas, 07 de marzo de 2019. Trala renuncia de Germán Castrillón, o pleno do Concello de Cabanas designaba esta mañá a Manuel González, primeiro tenente alcalde e concelleiro de Obras na presente lexislatura, como o novo alcalde do municipio. Foi no transcurso dunha sesión plenaria extraordinaria que concluía coas felicitacións do anterior rexidor tras unha votación na que González recibiu o sí dos cinco concelleiros e concelleiras do PP e da edil da Agrupación de Electores de Cabanas, coa que gobernan os populares en coalición. Os representantes do PSOE votaron ao seu candidato, que recibiu tamén o apoio de Somos Cabanas, sumando 4 votos, namentras que o concelleiro do BNG votou a súa candidatura.

Así as cousas, Manuel González convertiuse no alcalde de Cabanas, un cargo que exerceu en funcións ao inicio da lexislatura, durante o tempo que Germán Castrillón estivo convalecente dunha intervención quirúrxica pola que incluso prometía o cargo no hospital.

Tags: