O Concello abre o prazo de inscrición no Xantar Solidario do Día da Muller

Galego

As persoas interesadas en tomar parte na cita, que se celebrará o 10 de marzo, deben apuntarse chamando aos teléfonos 981 49 59 59 ou 648 850 126

Cabanas, 27 de febreiro de 2019. O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, promove unha nova edición do Xantar Solidario de Cabanas coincidindo co Día da Muller Traballadora. Celebrarase o 10 de marzo, no local da SCRD San Mamede de Laraxe, e as persoas interesadas en tomar parte xa poden facer a súa reserva chamando ós teléfonos 981 49 59 59 e 648 850 126 ou anotándose na casa consistorial. O prezo é de 15 euros e o prato principal será o cocido. Así mesmo, o xantar inclúe baile con música en directo a cargo do grupo Maracuyá.

A cita servirá, como é tradición, para rendir homenaxe ás mulleres traballadoras do municipio, representadas por unha das súas veciñas e cuxa identidade se desvelará no transcurso do xantar. Así mesmo, o evento ten un marcado carácter solidario, xa que os asistentes poderán entregar alimentos non perecedoiros que irán destinados ó Banco de Alimentos de Cabanas. Ademais, os beneficios xerados coa entrada se reservarán para a adquisición de produtos técnicos cos que a Concellería de Servizos Sociais cubrirá as necesidades daquelas familias con menos recursos que así o precisen. 

O xantar dará comezo ás 14 horas e, sobre as 17,30 horas, principiará o baile. 

Image: